Por X.M. Fernández | Allariz | 24/09/2018 | Actualizada ás 20:00
A xornada ten o obxectivo de mostrar á cidadanía os resultados de tres anos de compostaxe comunitaria coa instalación dos compostoiros comunitarios e tamén as melloras na separación selectiva, recollida de vidro e restos orgánicos na hostalería.
Ademais, aproveitarase a ocasión para coñecer experiencias que se están a levar a cabo noutros lugares como é o caso de Larrabetzu, en Bilbao, consistente na separación selectiva da materia orgánica e o seu tratamento posterior por parte de labregos e gandeiros. Esta xornada informativa, de concienciación e sensibilización trasladarase en outubro ás parroquias de Gundiás e O Mato.
Allariz, preto do 50% de lixo reciclado
Días atrás a Alcaldesa, Cristina Cid, xunto co concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela, e a representante da Asociación Ecoloxista Adega, deron a coñecer os bos resultados do programa de reciclaxe e compostaxe ao remate de verán.
Ao longo do mes de agosto no que se incorporou o camión ao programa RE, froito dunha axuda a través do programa Pyma do Ministerio de Medio Ambiente, recolléronse 300 colectores de entre 80 e 120 litros con resultados de materia orgánica que ascenden aos 15.000 kilos.
O aumento na reciclaxe de materia orgánica ten un reflexo positivo no aumento de reciclaxe das outras fraccións. A mellora é dun 15% no cartón e vidro e do 10% na fracción de envases. Estas datos, que roldan o 40% de lixo recuperado, aproxímanse ao obxectivo que se marcou o Concello de chegar ao 50% no ano 2020 e que sitúan a Allariz por riba da taxa de reciclaxe do resto de Galicia.
A asociación ADEGA, colabora coa área de medio ambiente, no reparto de compostoiros (300 ata o de agora) e impartindo charlas informativas na vila e no rural.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.