Os estranxeiros que residen en Galicia son máis urbanitas que a poboación autóctona

Os municipios galegos con máis de 50.000 habitantes acollen o 44,2% da poboación foránea, mentres que só concentran o 37,2% da autóctona, segundo un estudo de investigadores da Universidade de Santiago.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/09/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A distribución da poboación estranxeira concéntrase ao longo do eixo atlántico e nas cidades máis poboadas da Galicia interior. Os municipios con máis de 50.000 habitantes acollen o 44,2% da poboación foránea, mentres que só concentran o 37,2% da autóctona, mostrando os estranxeiros un "maior grao de urbanización" que os galegos. Así oi reflice o estudo 'La población extranjera en galicia: evolución y patrones de distribución territorial, 1997-2017', asinado na Revista Galega de Economía por Richard Daniel Oliva Denis e José Antonio Aldrey Vázquez, ambos os dous do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela.

Traballadora inmigrante na lonxa de Vigo
Traballadora inmigrante na lonxa de Vigo | Fonte: Miguel Núñez.

"A inmigración é un feito urbano, con todo, non se debe subestimar a presenza destes colectivos no resto do territorio, dado que nos espazos fronteirizos e en amplos sectores costeiros teñen unha maior representación relativa sobre o total, podendo condicionar comportamentos e pautas sobre estes lugares. Desta maneira, nos municipios que experimentaron algún crecemento durante os últimos 15 anos, este estivo protagonizado en gran medida pola chegada de poboación nada no estranxeiro", apuntan os autores.

O obxectivo do traballo de investigación foi analizar a distribución e cambios demográficos dos municipios galegos durante os últimos 15 anos, correlacionándoos con aquelas posibles variables económicas que os determinan.

1997-2007: A "DÉCADA PRODIXIOSA"

Os investigadores cualifican o período 1997-2007 como unha "década prodixiosa" marcada polo "auxe migratorio estranxeiro" en España, tempo durante o cal "a inmigración tivo unha escasa incidencia en Galicia, fóra de espazos fronteirizos con Portugal, onde por lazos de proximidade esta foi tradicionalmente notable".

Concentración da poboación estranxeira en Galicia en 2016
Concentración da poboación estranxeira en Galicia en 2016 | Fonte: Revista Galega de Economía Vol. 27-2 (2018)

As áreas metropolitanas de Vigo, A Coruña e Santiago foron as que máis poboación inmigrante atraeron entre 1997 e 2007.

As localidades que captaron maior porcentaxe de poboación foron aquelas que canalizaron o proceso de suburbanización, nos arredores das grandes cidades, destacando de maneira puntual os casos da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. Pola contra, os municipios que concentraron menor poboación —afastados do eixo atlántico e das grandes urbes e que, en xeral, forman parte da Galicia interior— experimentaron unha regresión demográfica importante. De feito, o 85% dos 265 municipios que se sitúan por baixo dos 10.000 habitantes perderon habitantes, un 5% en conxunto, segundo se apunta no estudo.

A poboación nada en España reduciuse durante este período nos principais núcleos e concentrouse naqueles municipios que oscilan entre os 50.000 e os 10.000 habitantes. En contraste, a inmigración internacional aumentou nos núcleos de máis de 50.000 habitantes, ademais de ter un carácter máis expandido en todo o territorio, aumentando o seu tamaño en case o 90% dos municipios en Galicia.

Os datos mostran que os municipios con maior poboación absoluta sostiveron o seu incremento en base á poboación estranxeira, agás Lugo e Pontevedra, nos que si aumentou a poboación española, e Ferrol, onde a poboación caeu tanto en nativos como en foráneos.

Nas sete cidades galegas, a cifra de estranxeiros duplicouse entre 1997 e 2007, "constituíndo en termos absolutos, o ámbito espacial con maior dinamismo deste grupo poboacional", aportan os investigadores.

Entre 1997 e 2007, só 7 dos 256 municipios galegos con menos de 10.000 habitantes mostraron unha dinámica demográfica positiva grazas á poboación estranxeira.

Así mesmo, nos municipios con menor representatividade poboacional, os estranxeiros "sosteñen un lixeiro crecemento puntual nalgúns concellos, con todo, a súa influencia en termos xerais é insignificante". De feito, só 7 dos 256 municipios galegos con menos de 10.000 habitantes mostran neste período unha dinámica demográfica positiva grazas á poboación estranxeira, destacándose no estudo "casos puntuais na fronteira con Portugal e a franxa costeira da Mariña lucense".

2008-2012: COMEZA A CRISE

No primeiros anos de crise económica —a partir de 2008— a dinámica poboacional non mudou respecto aos anos anteriores, "sendo aínda máis evidente a importancia do eixo atlántico para manter o crecemento dos municipios —ao continuar a tendencia de redistribuír a poboación nos municipios próximos ás grandes cidades— nunha época onde a poboación chega a reducirse", salientan os autores do estudo.

Neste período, os municipios con máis de 10.000 habitantes aumentaron a súa representatividade nun 3%, ao pasar a conter ao 70% da poboación total de Galicia. Porén, os concellos con menos de 10.000 habitantes perderon en conxunto 35.000 persoas, o cal representa unha perda próxima do 4% en catro anos.

No interior de Galicia, Monforte de Lemos, Sarria, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras e O Carballiño aumentaron a súa poboación nun contexto —o da Galicia rural e das vilas e aldeas do interior— que tende ao abandono.

Nos primeiros anos de crise económica, a poboación autóctona aumentou a súa representación nos municipios entre 50.000 e 10.000 persoas.

Tamén houbo certo crecemento en municipios limítrofes con Portugal —Verín e  Oimbra— e na costa nordés —Viveiro, Foz, Ribadeo e Burela—, grazas en boa parte, á poboación estranxeira.

Durante esta etapa, a poboación autóctona aumentou a súa representación nos municipios entre 50.000 e 10.000 persoas, mentres a poboación nada no estranxeiro seguiu aumentando o seu número en todos os ámbitos, pero densolvendo "un carácter máis selectivo no territorio".

As cidades galegas seguiron, en conxunto, mantendo un balance poboacional positivo grazas á inmigración internacional, "cuxa importancia durante este período é máis que evidente, aumentando a súa participación novamente", aínda que o crecemento total foi "leve, sendo Lugo, Santiago e Pontevedra os únicos en superar o 1% de crecemento", mentres Ferrol seguiu a súa "andaina  decreciente ao decaer un 4% sobre o seu total".

2013-2016: SALDO MIGRATORIO NEGATIVO

Entre os anos 2013 e 2016, coa crise asentada, entrouse nun "escenario negativo" que condicionou a distribución territorial da poboación e polo tanto, o patrón observado nos anteriores períodos. A maior parte dos municipios viron decaer a súa poboación, fóra de certos municipios adxacentes aos grandes núcleos urbanos da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Entre 2013 e 2016, Vigo, Ferrol e A Coruña  foron os municipios que maior impacto negativo sufriron, acumulando entre todas unha caída de máis de 12.000 habitantes.

As grandes áreas metropolitanas sufriron un retroceso, agás a de Santiago de Compostela, "cuxo incremento é máis simbólico que representativo, dado que mantén un saldo positivo de case 300 persoas, que implica só un 0,3% en 4 anos", apórtase no estudo.

Vigo, Ferrol e A Coruña —nesa orde de perdas— foron os municipios que maior impacto negativo sufriron, acumulando entre todas unha caída de máis de 12.000 persoas

Nos municipios do interior de Galicia produciuse un decrecemento en practicamente a totalidade das localidades, incluídas as cabeceiras municipais, espazos fronteirizos e municipios costeiros que viñan mantendo un crecemento positivo en anos anteriores.

"A variación relativa para ambas as orixes é preocupante, sendo a poboación autóctona a que mantén un comportamento de decrecemento sostido, cuxa distribución nos municipios próximos ás grandes cidades vai ser máis leve en comparación aos períodos anteriores", explican os responsables da investigación.

Durante esta etapa, a poboación estranxeira adoptou un "comportamento desigual, mostrando importantes contraccións negativas, onde mesmo algúns municipios chegan a perder máis dun cuarto da poboación deste grupo", conclúen.

Afiliados estranxeiros.
Afiliados estranxeiros.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta