A Cámara non lexislará sobre familias monoparentais pero o PPdeG defende un regulamento con medidas para elas

O contador de tempo, o timbre e o botón para votar deixan de funcionar e devolven o hemiciclo á 'era analóxica'

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2018 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

"Pisar o acelerador". Así comezou a deputada do BNG Noa Presas a súa intervención na Cámara galega na que defendeu a "segunda" proposta lexislativa "feminista" da lexislatura e que foi impulsada despois da histórica folga do 8 de marzo.

O Parlamento vota a man alzada ao estragarse o botón
O Parlamento vota a man alzada ao estragarse o botón | Fonte: Europa Press

O texto lexislativo non se tramitará no Parlamento de Galicia, xa que o PPdeG non lle deu o seu aval, partidario, con todo, de desenvolver un regulamento que inclúa medidas para esta forma de familia que, lembrou, xa está recollida na Lei de familia de Galicia como de especial consideración.

A parlamentaria nacionalista asegurou que traían esta lei "con espírito construtivo" e co obxectivo de "situar a Galicia na dianteira dos avances lexislativos". Así, censurou que as institucións "continúan perpetrando o patriarcado" e o modelo "monolítico" de familia.

Presas indicou que é necesario visibilizar os modelos de familia monoparentais por "libre elección", máis aló de causas sobrevindas (como o falecemento dun dos proxenitores, por exemplo). "Hai que encher ese oco, son unha opción máis, lexítima", apuntou.

Entre as cuestións que recollía o texto lexislativo, atópase a necesidade de elaborar un rexistro de familias monoparentais (que xa está na lei de familia pero sen elaborar, denunciou a oposición), establecer axudas (vivenda, escolas infantís) e crear un carné acreditativo, entre outras cuestións.

"É fundamental avanzar nunha lei deste tipo, que terá carencias, pero pode ser un punto de partida para abrir un diálogo que nos leve a un mundo diferente. Pido xenerosidade. Pisemos o acelerador", manifestou Noa Presas, quen recibiu o apoio de En Marea e de PSdeG, pero non os votos dos populares.

DESENVOLVER UN REGULAMENTO

A deputada do PPdeG Marta Rodríguez Arias explicou que as familias monoparentais xa están recollidas na Lei de Familia de Galicia e subliñou que "afortunadamente a sociedade galega é avanzada".

Pediu falar con "seriedade" sobre este tema e pediu fuxir de "determinados mantras" como que o PP segue o modelo da Conferencia Episcopal ou que o feminismo "só é a bandeira" dos grupos da oposición.

Así, e após ratificar que saben que "non todas as familias son iguais e non presentan as mesmas necesidades", e así a "lei galega tenas como especial consideración", Rodríguez Arias apostou por "un regulamento que desenvolva" as especificidades deste colectivo. Ademais, indicou que a Xunta elabora un plan de axudas para familias monoparentais, coa creación dese rexistro.

A deputada popular tamén sinalou que a rede de familias monoparentais piden que haxa unha lexislación a nivel estatal, para que este colectivo teña os mesmos dereitos en todas as comunidades. Entre as demandas, sitúase a consideración de familia numerosa para aquelas que teñan máis dun fillo.

APOIO DE PSDEG E EN MAREA

Na súa intervención, a deputada socialista Noela Blanco denunciou o "modelo imposto" da Conferencia Episcopal de familia e destacou que o Goberno socialista impulsou a reprodución asistida para mulleres solteiras e lesbianas, que suspendeu o PP. "Algo que acaba de reverter en menos de cen días (o novo Executivo)", destacou.

Blanco apoiou a proposta par dar "concreción entre todos ás medidas específicas" a este colectivo, co fin de garantir a "diversidade e a igualdade de oportunidades". "Non entenderiamos que se rexeitase este debate", manifestou, pola súa banda, a deputada Paula Quinteiro (En Marea), quen chamou a atención sobre a "ausencia deste tipo de familias" na lexislación.

Quinteiro advertiu de que se trata dunha "realidade que vai en aumento" e é preciso "pór en marcha as medidas básicas" para estas familias. Así mesmo, denunciou a ausencia de "avances" no rexistro único de familias monoparentais e advertiu de que "non existe a conciliación real" neste país, "sobre todo, para quen non ten recursos económicos".

Os grupos da oposición aproveitaron o debate para reprochar ao Goberno da Xunta que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tombou os servizos mínimos decretados na folga do 8-M. "Tentaron rebentar a folga", acusou a deputada socialista Noela Blanco.

VOTACIÓN A MAN ALZADA

Á marxe do debate, a anécdota da xornada na Cámara galega é a volta a un Parlamento analóxico, xa que nin timbre, nin contador de tempo de intervencións nin o botón das votacións funcionou na mañá deste martes no Pazo do Hórreo. Así, as dúas propostas lexislativas que se someteron a votación --unha do PSdeG e esta do BNG-- foron a man alzada das súas señorías.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta