Temas: TSXG CCOO XUNTA

A Xustiza condena á Xunta por vulnerar o dereito de folga do seu persoal

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou á administración galega polo que considera comportamento malicioso durante a folga do 8 de marzo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2018 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

O sindicato Comisións Obreiras (CC OO) anunciou que a Xustiza lle deu a razón por condenar á Administración autonómica ante o que consideraron como comportamento “malicioso” no nomento de outorgaren os servizos mínimos na folga do 8 de marzo. Nun comunicado enviado á prensa o sindicato apunta que a Administración autonómica “tivo que pagar milleiros de euros en custas xudiciais nos últimos anos por vulneración de dereitos fundamentais”.

Edificios centrais da Xunta en San Caetano
Edificios centrais da Xunta en San Caetano | Fonte: xunta.gal

Desta maneira, o TSXG “volve condenar á Xunta por vulneración de dereitos fundamentais” e tamén lle recrimina “que unha e outra vez teime en tomar decisións contrarias á lei”. CC OO apunta que a sentenza “recolle outros nove casos dos últimos nove anos en que a Xustiza condenou a Xunta pola vulneración deste dereito fundamental”.

A resolución xudicial considera que houbo un “atraso inxustificado” á hora de publicar o decreto de fixación dos servizos mínimos. O TSXG tamén coida “malicioso” o xeito en que se fixaron os servizos mínimos nalgúns ámbitos da actividade administrativa, “incorrendo a Administración nas mesmas vulneracións, ben de falta de motivación, ben vulneración do principio de proporcionalidade, que se repetiron en anteriores convocatorias de folga”.

Malia que a sentenza do TSXG só estima parcialmente o recurso sindical, segundo CC OO “o Alto Tribunal galego considera que, debido á gravidade dos feitos e á reiteración nun comportamento ilegal, a Xunta de Galicia debe ser condenada ao pagamento da totalidade das custas xudiciais, e non só da parte proporcional ao recurso estimado”.

Desde CCOO de Galicia lamentan “a “irresponsabilidade” da Xunta por teimar en condutas que lesionan dereitos fundamentais das traballadoras e dos traballadores” e que “teñen un gran custo para o erario”. “Se o PP é tan respectuoso coas leis e co patrimonio público, como preconiza, non se entende que cada ano dilapiden milleiros de euros do diñeiro de todas as galegas e galegos”.

Temas: TSXG CCOO XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 mlon

Hai que denunciar ó que tome a decisión e que page él