Anova bota aos dous concelleiros en Bergondo por apoiar un "pelotazo urbanístico"

Os edís, que forman parte da coalición de goberno co PSOE, opuxéronse a "acatar o acordo da militancia" contra a construción dunha promoción de vivendas en San Cidre.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2018 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

A formación nacionalista Anova tramita a baixa dos seus concelleiros no municipio coruñés de Bergondo logo de que os edís, que forman parte da coalición de goberno co PSOE, opuxéronse a "acatar o acordo da militancia" que rexeita a modificación puntual das normas urbanísticas da localidade para a construción dunha promoción de vivendas en San Cidre por considerala un "pelotazo urbanístico".

Casa do Concello de Bergondo
Casa do Concello de Bergondo | Fonte: Wikipedia

Así o informou este martes a organización que encabeza Antón Sánchez, que sinala nun comunicado que os concelleiros Juan Fariña e Eloy Babío anunciaron a súa baixa como militantes. Así, avanza que, unha vez sexa tramitada a súa renuncia, solicitará á corporación de Bergondo que sexan considerados como concelleiros non adscritos "no caso de que non renuncien ás súas actas".

Segundo o partido nacionalista, a asemblea de Anova-Bergondo acordou por maioría oporse á Modificación Puntual das Normas Subsidiarias de Urbanismo (MPNS) para a construción de 55 novas vivendas e un local comercial na zona de San Cidre, un proxecto cualificado pola organización como "un pelotazo urbanístico".

Os concelleiros Juan Fariña --tenente de alcalde e responsable da área de Urbanismo-- e Eloy Babío asistiron á asemblea e, segundo Anova, anunciaron a súa baixa como membros do partido "despois de expresar que non ían acatar o acordo da militancia". "O incumprimento dos acordos da asemblea de Anova por parte dos concelleiros é unha falta de respecto democrático aos compañeiros e compañeiras que traballaron e traballan nun proxecto colectivo que ten xa unha longa traxectoria", sinala o comunicado.

Así mesmo, apunta que a modificación das normas urbanísticas para dar luz verde ao proxecto de San Cidre "beneficiaría a certos propietarios" e constituiría "unha operación especulativa".

Por tanto, Anova conclúe que os seus concelleiros en Bergondo "contradin unha das liñas fundamentais" da organización "que durante anos denunciou a utilización das institucións para beneficiar intereses privados no urbanismo e o abandono do interese xeral".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 arredista

Moi ben feito por parte de Anova. Así tiñan que facer todos os partidos para dar exemplo.

1 unmais

Si, comenzando pola deputada Paulita, non?