Ninguén dá razóns para o traslado das Emerxencias á Estrada

As diferentes motivacións que levaron ao goberno galego querer trasladar os servizos do 112 e 061 para A Estrada seguen sen resposta. Agora está a cuestión da funcionalidade en diversos aspectos. Desde o meramente sanitario, de atención ao doente, a capacidade de adaptación do persoal nas novas instalacións e se a ubicación no concello pontevedrés sería unha dificultade engadida para parte do persoal que está sendo trasladado.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2018 | Actualizada ás 23:05

Comparte esta noticia

O traslado das atencións telefónicas e outros equipamentos do 061 Galicia, á localidade da Estrada, non deixa de ter o seu misterio para as traballadoras e traballadores do servizo de emerxencias. A cuestión é que ata o momento, mesmo cando se contactou  xa para unha anterior reportaxe, a resposta quedou no aire, deixando por tanto, máis dúbidas que certezas.

Feijóo visitando as instalacións do 061 na Estrada
Feijóo visitando as instalacións do 061 na Estrada | Fonte: xunta.gal

Galicia Confidencial volveu contactar desta vez con outras fontes e coas mesmas de AXEGA 112, para ter unha aproximación a como serían as novas instalacións e as funcionalidades das mesmas. Isto porque fontes consultadas por este xornal criticaron as características das novas instalacións. Sobre todo no que tocaría á vida diaria na xornada laboral. Pois a construción da nova sede dentro dos terreos que tamén inclúen a Academia Galega de Seguridade, traen canda si unha serie de complexidades que, ou ben non eran coñecidas polos autores do proxecto ou si eran pero continuaron para adiante sen telas en conta.

A PREGUNTA

A grande cuestión, por que se levou todo para A Estrada? Quizais este mércores día 26 de setembro, nunha reunión entre forzas sindicais e o xerente do SERGAS, Antonio Fernández-Campa, se poida aclarar o asunto. Pero o feito é que hai tempo que a resposta oficial vén sendo “o aproveitamento das sinerxías entre todos os servizos de emerxencias para unha mellor coordinación”. As voces que avisan que este sistema, primeiramente usado noutros lugares de España, non deu o resultado que esperaban e de aí volveron a separar as sinerxías.

“Hai uns anos, nunha reunión con Vázquez Almuíña, daquela novo conselleiro de Sanidade, e na que tamén estaba Alfonso Rueda, preguntóuselle ao vicepresidente por que se facía o traslado á Estrada” din fontes sindicais da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM). A resposta de Rueda foi, segundo as mesmas fontes, que “está é unha decisión do goberno e o goberno toma decisións”. Alexis Rey, da CIG Grupo Norte, a subcontrata que leva as chamadas e  locucións, di que “é unha cuestión política polo que deducimos” pero polo demais “o resto serían elucubracións pero non hai nada en firme”.

Martiño Norieg, alcalde de Santiago, e traballadores do 061
Martiño Norieg, alcalde de Santiago, e traballadores do 061

FUNCIONALIDADES

Sobre as diferencias entre as actuais instalacións de San Marcos, sede tamén da CRTVG, as fontes do sindicato CESM indican que “onde estamos actualmente está tamén Retegal que serve para as nosas comunicacións” e sobre se os cambios suporían unha mellora no servizo de atención en Emerxencias “somos médicos cunha formación específica en emerxencias, pero parece que nos tratase como se fosemos de segunda categoría dentro do plantel de profesionais”.

“Realmente a superficie destinada para a central de chamadas é un tanto menor que a de San Marcos” di Alexis Rey, que por outra banda apunta que “falta funcionalidade pois vese que colocaron todo de maneira que somos nós os que nos temos que adaptar á contorna” e por último “ os teitos son moi baixos” cousa contraria ao que acontece onde están ubicados os servizos do 112, cuns grandes espazos que son difíciles de manter quentes en inverno e frescos en verán.

Existe outro punto que é o da mobilidade dos traballadores. “Coas oficinas en Santiago, o persoal xa está afeito a uns traxectos en coche, hai xente que vén de Coruña e mesmo de Lugo porque ata o de agora non lles supuña un problema vir traballar” din desde CESM. “No entanto, agora mesmo hai persoas que están pensando en deixar este traballo porque percorrer máis distancia e máis tempo, non lles compensará, perderán cartos” sinala Rey, pois os salarios en Grupo Norte non son suficientemente elevados para facer un gasto que calcularon en 240 € de máis ao mes.  “É mesmo posible que se alguén abandona o seu posto de traballo poida ser ocupado por alguén da Estrada, porque sería unha maneira de crear algúns empregos na zona” deducen as fontes de CESM. 

Existen tamén cuestións relativas ao uso de elevadores e da cafetaría do edificio. Polo de agora só se serve comida durante a semana, pois o servizo pecha as fins de semana e dita comida é para o persoal estatutario. Aos médicos de urxencias estarían pensando en poñerlles cátering as fins de semana, non así aos membros de Grupo Norte, que son os non estatutarios, ao seren subcontrata.

RESPOSTAS 112-061

Galicia Confidencial contactou co Axega 112, que é o ente para as emerxencias que agora se trasladan. Sobre a funcionalidade do edificio e concretamente, sobre o lugar destinado á centraliña de Grupo Norte responden “Ao longo dos últimos anos, o proxecto inicial sufriu varias modificacións, todas elas orientadas precisamente á confortabilidade do persoal para facilitar o desenvolvemento do seu traballo. A sala da Central de Coordinación, desde a que se atende e xestiona a demanda sanitaria urxente e a consulta telefónica, cumpre con toda a normativa vixente en materia de prevención de riscos laborais. Trátase aínda, dunha sala que conta cunha superficie maior que a sala de coordinación actual”.

Sobre instalacións como elevadores e fontes de electricidade para conectar aparellos “O edificio e o ascensor cumpren con todos os requisitos de seguridade establecidos. As instalacións do 061 están situadas no segundo andar polo que, no caso de non utilizar o ascensor, hai uns tramos de escaleiras que o persoal pode subir sen moito esforzo. As instalacións de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 dispoñen de un solo tecnolóxico con cableado de voz e datos desde o que se poden instalar os enchufes que se consideren necesarios”.

As instalacións de cafetería e o servizo da mesma con comida para estatutarios e o peche as fins de semana, a resposta é a que segue “Urxencias Sanitarias de Galicia-061 garante a comida ao persoal estatutario que desenvolva o seu turno de traballo na fin de semana na Central de Coordinación. O persoal de telemárketing, que é subcontratado, depende da empresa concesionaria nese aspecto. Aínda así, a concesionara da cafetería nas instalacións da Agasp está a valorar a posibilidade de abrir durante os sábados e domingos en función da demanda que haxa a partir de agora, xa que ata o cambio do centro de traballo dos traballadores do 061 de Galicia non existía volume de persoal suficiente que xustificara que estivera aberta”.

Non hai respostas aínda que podan dar luz sobre o traslado duns servizos de emerxencias a unha localidade como A Estrada. “Santiago, como capital de Galicia, ten unhas conexións e unhas vías que permiten o fácil acceso” din fontes sindicais, co “non entendemos ben a nova ubicación”. Tampouco as respostas das autoridades políticas e executivas din moito sobre este punto. En tal caso, na web www.osoigo.com, iniciouse unha campaña para pedir que respondan a esta e outras cuestións relativas á nova sede das emerxencias en Galicia. 

Protesta traballadores 061 polo traslado. COMITÉ DE FOLGA
Protesta traballadores 061 polo traslado. COMITÉ DE FOLGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta