O agora conselleiro de Cultura e Turismo: "O Xacobeo é un dos grandes retos de Galicia e un proxecto estratéxico"

O até agora conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asegura que asumirá a nova carteira de Cultura e Turismo "con moita ilusión, moitas ganas e moita forza".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2018 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

O até agora conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asegurou que asumirá a nova carteira de Cultura e Turismo "con moita ilusión, moitas ganas e moita forza". "Sendo conscientes de que un dos grandes retos que ten Galicia até o ano 2021 é o Xacobeo", manifestou á saída do Parlamento nada máis coñecerse a remodelación do Goberno feita pública este mércores polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

O conselleiro Román Rodríguez
O conselleiro Román Rodríguez | Fonte: Xunta.

Tras indicar que "pouco" podía engadir ao reforzo de Turismo no Goberno de Feijóo, que pasa dunha secretaría xeral a formar parte dunha nova consellería que volve separar as competencias de Educación e Cultura; Román Rodríguez si salientou que o Xacobeo 2021 é "un dos proxectos estratéxicos" para Galicia.

"Falou o presidente", ratificou en referencia a que o cambio feito polo xefe do Executivo autonómico revela en si mesmo o calado deste evento.

O dirixente popular sinalou que o Xacobeo é "un proxecto estratéxico, cunha perspectiva integral para Galicia e un carácter simbólico de alto nivel". "E agora espero estar á altura de levar a cabo este reto da mellor maneira posible", destacou.

DEIXA A CARTEIRA DE EDUCACIÓN

Preguntado por se deixa con pena a área de Educación, da que procede na súa vida profesional, e ámbito no que traballara anteriormente como deputado da Cámara galega, Román Rodríguez manifestou que esta área está "en bos niveis" e conta cunha "estrutura de xestión moi sólida".

"E estou seguro de que a persoa que vai vir (Carmen Pomar, profesora da Universidade de Santiago), que é referencia no sector educativo, vai desenvolver as súas responsabilidades con gran responsabilidade e mantendo os niveis de excelencia, de calidade e de equidade que dá o noso sistema educativo", sentenciou.

DEBATE PARLAMENTARIO

Previamente, Román Rodríguez interviñera no pleno do Parlamento, en resposta a unha interpelación do deputado socialista Luís Álvarez, quen tivo palabras para "recoñecer a súa valía como conselleiro de Educación". "Aínda que estamos case sempre en desacordo, forma parte do marco político. Pero en todo caso, desexarlle toda a sorte de éxitos nas súas novas responsabilidades", díxolle antes de formular a súa interpelación.

"A verdade é que agradezo as súas palabras. O importante na loita política é a discrepancia de ideas, e iso non ten que ver con ningún tipo de inquina persoal", devolveulle Román Rodríguez, quen considerou que é "simplemente que hai diferentes formas de ver" como se deben levar a cabo as actuacións políticas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta