O Clúster do Turismo valora a nova Consellería e confía en seguir "traballando para un Xacobeo histórico"

O presidente da entidade afirma que "cultura e turismo teñen moito que ver", xustificando a decisión de Feijóo de crear unha soa carteira para estas dúas áreas. O Concello de Santiago ve "positivo" o cambio.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2018 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

O presidente do Clúster do Turismo de Galicia, Francisco González, valorou a nova Consellería de Cultura e Turismo, que dirixirá Román Rodríguez (que xa tiña as competencias culturais), e confiou en seguir "traballando para un Xacobeo 2021 histórico".

Peregrino ante a Catedral de Santiago. CEDIDA - Archivo
Peregrino ante a Catedral de Santiago. CEDIDA - Archivo

"Esta unión entendémola nesa clave de Xacobeo 2021, de unidade e esforzo, traballo conxunto para que entre todos o Xacobeo sexa histórico en Galicia. Paréceme oportuno", manifestou o presidente desta entidade, nunha primeira valoración antes de reunirse cos demais membros.

Ao seu xuízo, "cultura e turismo teñen moito que ver", unido coa gastronomía, e incidiu en que todo iso son acenos de identidade de Galicia. "Dito isto, teremos que valoralo, imos darlle a oportunidade e deixar os primeiros días", indicou.

Así, apuntou que estarán "atentos" e manifestou que confían en "seguir traballando, aínda máis se se pode, coa administración, como até agora". "E pómonos a disposición do novo conselleiro, para continuar e mellorar se é posible", sentenciou.

CONCELLO DE SANTIAGO

O Concello de Santiago valorou o cambio que supuxo a creación da Consellería de Cultura e Turismo, após a separación das competencias educativas a outro departamento, co condicionante de se iso "serve para impulsar o Xacobeo" 2021.

"Vémolo positivamente, porque até agora non parecía que se tomou o Xacobeo en serio", manifestaron fontes do goberno local, que valoraron este cambio. "Se é para que se tome en serio o Xacobeo", engadiron.

Ademais, estas mesmas fontes lembraron que, precisamente, este evento é un dos aspectos que o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, trasladou na súa petición de reunión por carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, hai varias semanas e da que, por agora, non ten "acuse de recibo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta