O BNG lamenta que a Xunta sexa "a extensión do gabinete electoral do PP" e pide cambios en políticas, non en nomes

Pontón cre que a remodelación só é unha "man de chapa e pintura" de Feijóo ao seu equipo e bota en falta "autocrítica"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2018 | Actualizada ás 19:53

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou que o Consello da Xunta se converteu no que cre unha "extensión do gabinete electoral do PP" en referencia á saída dos conselleiros José Manuel Rey Varela e Beatriz Mato para encabezar as candidaturas dos populares nas próximas eleccións municipais. Para a líder frontista, a remodelación do Goberno de Feijóo supón só "unha man de chapa e pintura" no seu equipo.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. REMITIDA
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. REMITIDA

Deste xeito, criticou que o xefe do Executivo non leve a cabo un exercicio de "autocrítica" porque, para Pontón, "se iso pasase" produciríase a saída do "conselleiro de Sanidade, o de Medio Rural ou o de Emprego porque hai un obxectivo de crecemento e creación de emprego que non se está cumprindo".

"O que vemos é autocompracencia e ningunha vontade de cambiar as políticas en ámbitos tan importantes como o sanitario", remarcou Pontón, que acusa a Feijóo de "facer un sudoku de conselleiros" en lugar de levar a cabo "cambios" nas políticas da Xunta para atender ás "transformacións que necesita Galicia".

Para a líder frontista, non se trata dun "cambio de goberno", senón que "é un recambio que evidencia que Galicia non ten un goberno que estea centrado en atender os importantes retos do país".

"O único que vemos de autocrítica é que Feijóo recoñece agora coa boca pequena que era mentira iso de que eran capaces de facer máis con menos, e que un goberno máis pequeno era máis eficaz", apuntou Pontón, que instou o presidente galego a ofrecer unha explicación sobre por que rompe unha "das liñas argumentais que mantivo durante estes anos".

REY VARELA E MATO

Así mesmo, Ana Pontón censurou que Feijóo convertese o Goberno galego "nunha extensión" do "gabinete electoral" do Partido Popular, "que é quen marca as crises e os cambios" no Executivo autonómico.

"Rey Varela e Beatriz Mato non deixan agora as súas carteiras para centrarse nas candidaturas. Levan meses e meses cobrando da Xunta pero utilizando a Xunta para facer campaña. Isto non pasa os mínimos estándares de respecto democrático", continuou.

CULTURA

Doutra banda, aplaudiu a decisión de que Cultura volva gozar dunha consellería propia, aínda que Pontón matizou que isto "ten que implicar un cambio na política cultural" da Administración autonómica, especialmente no referente á protección da lingua galega.

"O galego está nunha situación crítica e é necesario que se produza un cambio. Valoraremos que a acción dunha Consellería é positiva ou negativa en función dos feitos concretos e as políticas que desenvolva. Pero paréceme que con Román Rodríguez non vai ser un gran cambio", concluíu a líder nacionalista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta