Galicreques traerá a Santiago 13 obras de monicreques nunca vistas en España

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2018 | Actualizada ás 13:06

Comparte esta noticia

O Festival Internacional de Monicreques Galicreques celebrará a súa edición número 23 entre o 13 e 21 de outubro e traerá a Santiago de Compostela tres estreas absolutas e 13 obras nunca vistas antes nos escenarios españois.

Imaxe do espectáculo 'Viaxe a un país de Cortázar'. FESTIVAL GALICREQUES
Imaxe do espectáculo 'Viaxe a un país de Cortázar'. FESTIVAL GALICREQUES | Fonte: Europa Press

En total, a programación do festival incluirá 25 espectáculos e contará cun marcado carácter internacional, ao traer a Santiago compañías procedentes de Arxentina, Brasil ou Venezuela, ademais de formacións galegas e do resto do estado español.

A primeira estrea en España chegará na propia presentación do Galicreques, que se celebrará o sábado 13 de outubro ás 17,00 horas no Teatro Principal. O seu escenario acollerá a primeira representación de 'El alguacil Buñuelo', dos ecuatorianos Titiritainas. Ás 20,30 horas, no mesmo recinto, terá lugar a estrea absoluta de 'Viaje a un país de...', coprodución galego-arxentina de Monicreques Cachirulo (Galicia), Tres Tigres Teatro (Arxentina) e Chachakün (Arxentina).

As outras dúas estreas absolutas virán da man da compañía española Mazzú Teatro e do músico e titiriteiro Luís Vallecillo. Así, Mazzú Teatro dará a coñecer 'Home' no Teatro Principal, nunha dobre función o xoves 18, para público escolar e público xeral. Ademais, Vallecillo actuará o martes 16 para representar por vez primeira 'Cantamos?', un espectáculo que mestura música e bonecos e que conta co seu propio audiolibro infantil, editado por Guindastre Edicións.

OUTRAS ESTREAS

O Festival Galicreques, coa súa vocación internacional, ábrelle a porta nesta vixésimo terceira edición a espectáculos estranxeiros nunca vistos antes en España.

Este é o caso de 'En una canasta', obra dos arxentinos Uluria Teatro; ou de 'Caperucita', da compañía procedente de Arxentina Tres Tigres. Tamén se darán a coñecer no Galicreques obras como 'Mi jardín', dos brasileiros Sobrevento; 'Los tres cabellos de oro don Gruñón', dos venezolanos La Pareja; 'El árbol de los sombreros', do colombianos Arlequín y Los Juglares, ou 'Un secreto increible', de Chachakün.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta