O Observatorio Astronómico Ramón María Aller: 75 anos estudando o cosmos desde Galicia

A instalación da Universidade de Santiago foi inaugurada hai hoxe 15 lustros baixo a dirección do astrónomo, matemático, sacerdote e catedrático que deu nome a esta institución.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/09/2018 | Actualizada ás 15:40

Comparte esta noticia

O 27 de setembro de 1943, hai hoxe 75 anos, Ramón María Aller era nomeado director do Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e iniciábanse as actividades desta institución. 

Estación Meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, no Campus Vida da Universidade de Santiago
Estación Meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, no Campus Vida da Universidade de Santiago | Fonte: USC.

Anteriormente, Aller levara a cabo unha exemplar actividade no seu observatorio particular de Lalín, que foi mellorando aos poucos ata a chegada do refractor Stenheil en 1925. A produción en terras do Deza abrangueu non só observacións dunha morea de fenómenos astronómicos, senón tamén a preparación de textos emblemáticos tanto de matemáticas como de astronomía. Tamén dende alí –explica o director actual do Observatorio compostelán, José Ángel Docobo–, introduce en España o estudo das estrelas dobres visuais, cuxos resultados publica nas Astronomische Nachrithten, acadando así recoñecemento internacional o modesto observatorio lalinense. 

Logo de trasladarse á USC en 1939 para impartir clases de análise matemática e xeometría analítica grazas ás xestións do profesor Vidal Abascal, decídese, co apoio do CSIC, o traslado da instrumentación de Lalín a un novo pavillón construído na entón chamada Residencia universitaria. 

O profesor Aller accedeu á cátedra de Astronomía, que quedou vinculada ao Observatorio, polo de atracción para matemáticos galegos e científicos en xeral. “Tal foi así que, xa en 1945, o profesor Vidal creou dentro do Observatorio unha Sección de Astronomía Teórica e Matemática que levou o nome do excelso matemático galego Juan Jacobo Durán Loriga”, matiza Docobo, en declaracións recollidas polo Xornal da USC.

Dita sección tivo unha extraordinaria produción e en dez anos deu lugar ao xerme da Sección de Matemáticas dentro da Facultade de Ciencias, que tiña só a Aller, Vidal e Ferrín como profesores, e que décadas despois se transformaría na Facultade de Matemáticas.

A magnífica bagaxe científica do Observatorio nos eidos da Astronomía e das Matemáticas truncouse  en 1966 coa morte do seu fundador, sen que a USC atopase sucesor nin para a cátedra de Astronomía nin para a dirección do Observatorio. “Comeza aí unha preocupante etapa decadente que a piques estivo de provocar a súa desaparición”, conta Docobo, que foi quen en 1981 e dende a Universidade de Zaragoza accedeu á praza de profesor de Astronomía, “creada grazas ás xestións do reitor Suárez Nuñez e do profesor Vidal Abascal”, que sería ademais o encargado da recuperación do observatorio dende a dirección. 

“Logo de anos de enorme traballo e esforzo foise acadando financiamento a través de proxectos de investigación, incorporando persoal con gran dificultade, mellorando a instrumentación e poñendo ao día a biblioteca, iniciada cos fondos doados por don Ramón María Aller”, explica. 

Pasado o tempo, o Observatorio, que leva o nome do seu fundador desde 1983, converteuse nun centro especialmente activo tanto en investigación como en docencia e divulgación científica, ademais de establecer un acordo de colaboración coa Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) para o subministro de datos, que se volveron recoller diariamente desde o 1 de xaneiro de 1982. 

INVESTIGACIÓN E DIVULGACIÓN

A liña tradicional de investigación en estrelas dobres e múltiples foi adecuadamente potenciada grazas á publicación de artigos científicos nas mais sobranceiras revistas especializadas a nivel internacional, á organización de congresos internacionais, á adquisición de instrumentación punteira a utilizar en grandes telescopios en Europa, América e Asia, á dirección de numerosas teses de doutoramento ou á edición da Circular de información da Comision G1 da International Astronomical Union. Todo isto culminou na elección do profesor Docobo como presidente da Comisión de Estrelas Dobres e Múltiples da IAU en 2009

En docencia, a Área de Astronomía está a impartir materias nos Graos de Matemáticas, Física, Óptica e tamén no campus de Lugo. A todo isto cómpre engadir as ensinanzas para maiores de 50 anos a través do IV Ciclo Universitario. En todos estes anos, centos de estudantes puideron facer as súas prácticas nas mellores condicións sobre todo logo de incorporar en 2003 o telescopio ruso de 0.62m de apertura, un dos maiores do ámbito universitario español. 

En divulgación, téñense organizado numerosas actividades coincidindo con fenómenos astronómicos relevantes pero tamén grazas a programas propios coma o PECAS, xa pola edición 22, e ultimamente con TodoCosmos, unha iniciativa do Observatorio que conta co apoio da FECYT (Ministerio de Ciencia, Universidades e Innovación) e que nos últimos anos, grazas á participación de colaboradores expertos en divulgación astronómica, está levando a Astronomía a medio cento de concellos galegos con actividades para todos os públicos, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta