Adeus definitivo ao Banco Pastor

Banco Santander completa a absorción de Popular e o Pastor desaparece como entidade xurídica. A fusión tecnolóxica avanza segundo o calendario previsto.

Por E.P. | a Coruña | 28/09/2018 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

Banco Santander inscribiu no Rexistro Mercantil de Cantabria a escritura de fusión por absorción de Banco Popular Español, co que a entidade presidida por Ana Botín completou a fusión xurídica co banco que adquiriu en xuño do pasado ano após a súa resolución, segundo informou á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

Banco Pastor-Grupo Banco Popular
Banco Pastor-Grupo Banco Popular

Os consellos de administración de Santander e Popular acordaron o pasado 23 de abril aprobar e subscribir o proxecto común de fusión por absorción. Desde que Santander presentou a escritura de fusión, o Ministerio de Economía e Empresa, actualmente baixo o mandato de Nadia Calviño, debeu solicitar unha serie de informes de organismos como o Banco de España, a Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións ou a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) antes de proceder a dar o visto e prace á operación.

Após obter dita 'luz verde' por parte do Ministerio, Santander fixo efectiva a fusión xurídica con Banco Popular, en liña co calendario previsto. Banco Santander adquiriu así a totalidade dos dereitos e obrigacións de Banco Popular, Popular Banca Privada e Banco Pastor. Aínda que legalmente estas desaparecen desde hoxe como entidades xurídicas, operativamente este trámite non ten ningún impacto nos clientes nin na operativa das oficinas.

Desta maneira, as oficinas destas entidades continuarán abertas e operando como até agora, sen cambios tampouco na operativa de clientes. Polo momento, os clientes de Popular continuarán operando nas súas oficinas habituais e beneficiándose do uso gratuíto da rede de caixeiros do grupo Santander.

Desde finais de xuño o Banco Santander comezou co peche de oficinas do Pastor en Galicia no marco do plan para evitar duplicidades de sucursais, chamado '2 x 1'. As primeiras na comunidade foron Miño, Malpica e Curtis (A Coruña), en Pobra de Trives e Beariz (Ourense) e Salvaterra de Miño (Pontevedra).

FUSIÓN TECNOLÓXICA

A última etapa do proceso de integración --e a máis sensible-- será a tecnolóxica, na que se avanza segundo o calendario previsto. Segundo comunicou a entidade, esta fase debería finalizar en febreiro de 2019 e estase facendo oficina por oficina de maneira progresiva.

Trátase da etapa máis delicada e crítica de calquera fusión bancaria dada a súa elevada complexidade, aínda que Santander conta con experiencia nestes procesos, xa que integrou no seu momento os sistemas de Banesto e Banif.

O grupo bancario, con sede en Boadilla del Monte, contaba con 32.398 empregados en España a peche de xuño deste ano, distribuídos en case 4.500 oficinas. En todo o mundo, a entidade cántabra tiña ao termo do período apuntado un cadro de máis de 200.000 traballadores en case 13.500 sucursais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta