Tellado di que a Noriega Santiago "lle importa un pito" e que a usa como "trampolín" para ir á Xunta

O secretario xeral do PP ve a Luís Villares como un "zombie" protagonista de 'A vida dos outros' e ao PSdeG "anestesiado" e "palmeiro" de Madrid, "dirixido" polo Delegado do Goberno.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2018 | Actualizada ás 16:30

Comparte esta noticia

Así o expresou no transcurso dunha rolda de prensa na que valorou o anuncio realizado polo actual alcalde de Santiago de presentarse como candidato ás próximas municipais, nunha aspiración que Tellado afirma que "non é sincera".

Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG. PARTIDO POPULAR DE GALICIA
Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG. PARTIDO POPULAR DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Tras emprazar a Noriega a explicar se "permanecerá 4 anos na alcaldía pase o que pase", remarcou que "Martiño o mesmo día que di que quere ser candidato á alcaldía de Santiago en 2019, di que quere ser candidato en setembro de 2020 ás autonómicas". "Que quere, ser alcalde uns meses, ou é que Santiago lle importa un pito e o que quere crecer no seu partido", suxeriu.

Unha aspiración a ser candidato á Xunta de Galicia que respondería á "ambición enorme" de Martiño Noriega e que enmarca no proceso de renovación do partido En Marea, no que ve ao seu portavoz, Luís Villares, como un "zombie" que pasea polo Parlamento, coma se fose protagonista da película 'A vida dos outros': "Vían a todos os demais mortos, e ao final os mortos eran eles".

Como argumento ao hipotético abandono de Noriega á corporación, lembra a súa actuación nas últimas eleccións municipais de 2015, facendo "campaña desde a alcaldía de Teo até o último día --localidade na que era alcalde desde 2007--", até o punto de "ser un día alcalde dos dous concellos ao mesmo tempo".

Por iso, tacha as acusacións de Luís Villares aos xa ex conselleiros José Manuel Rey Varela e Beatriz Mato de utilizar os seus cargos na Xunta para facer campaña ás municipais en Ferrol e na Coruña de "burla", e contrapón a "xenerosidade e responsabilidade" da populares fronte ao exemplo de Noriega. "Luís Villares debería mirar moito o que fai o seu partido antes de criticar" porque "non está autorizado a facer estas reflexións", resolveu.

PP "MELLOR QUE NUNCA" E CO PSOE CON ENQUISAS DO CIS "COCIÑADAS"

O PP encara o reto das eleccións municipais de 2019, nas que aspira a mellorar os resultados de 2015 e recuperar as alcaldías de grandes cidades, "mellor que nunca", cun "contexto electoral que é mellor" que o de fai tres anos. Así, minimiza os resultados do CIS, que aúpan ao PSOE como primeira forza política en Galicia, e os tacha de "inconsistentes" e derivados "da cociña dos datos para que agraden a Sánchez".

Tellado, que puxo en valor a "gran implantación electoral" do PP como base da súa forza, reivindicou que, a pesar de que os resultados de 2015 supuxeron un retroceso, serían "asinados por calquera" dos outros partidos, con 180 maiorías absolutas e sendo nas dúas terceiras partes a primeira forza de Galicia. En Santiago, o PP encara a pelexa polas municipais repetindo candidato, cun Agustín Hernández do que enxalza a súa responsabilidade, aínda que eludiu garantir se continuará o próximos catro anos na oposición se perde nas municipais.

E na Coruña, con Beatriz Mato como unha candidata que pode demostrar a súa experiencia de xestión fronte ao actual rexedor, Xulio Ferreiro, ao que ve "nos seus últimos estertores" , marcado pola polémica da anulación da compra de pisos para fins sociais e da feira gastronómica, e tras tres anos nos que demostrou que só sabe "instalar o amiguismo nas institucións". O PP continuará coa presentación dos seus candidatos, con Rey Varela o venres 5 de outubro e Rafael Domínguez o 27, aos que seguirán os actos correspondentes no resto de vilas de Galicia.

PSdeG "ANESTESIADO" E DIRIXIDO DESDE MADRID A TRAVÉS DE LOSADA

Miguel Tellado arremeteu na rolda de prensa contra o Partido Socialista de Galicia, ao que ve "anestesiado" e "palmeiro" de Madrid, apuntando a que Pedro Sánchez nomeou ao delegado do Goberno, Javier Losada --anestesista de profesión-- para que o "dirixise", e asumise os "agravios" aos que o executivo somete á comunidade galega.

Referiuse así ao "agravio" derivado da "nova peaxe" ao "independentismo" co financiamento de 1.400 millóns de euros a Cataluña, que se sumaría á "calada" ante o intento de paralizar a AVE, de "sisarle a Galicia 200 millóns", o "cambio do discurso sobre o Pazo de Meirás" ou ante os 350 millóns derivados ao porto de Valencia. "Agora podemos entender que se nomease a un anestesista como delegado do Goberno, a Javier Losada, para anestesiar ao PSdeG, aparvado e anestesiado", no que insinuou que é un "nomeamento interno" que "vén de Madrid" e un "desafío" á dirección en Galicia.

Aproveitou Tellado para replicar a Gonzalo Caballero, o secretario xeral do PSdeG, as súas afirmacións de que o PP en Vigo é marxinal, ao ter 7 de 27 edís. Tirando de cifras, argumentou que supón o 20% do voto, cando o PSOE en Galicia, con 14 de 75 deputados, tería o 17%: "Benvido a ser o secretario xeral do partido máis marxinal de Galicia, compite xa co BNG", agregou.

O secretario xeral dos 'populares galegos', preguntado pola súa valoración ante a ausencia de candidatos dos socialistas ás municipais, ironizou que se trata dunha "situación moi divertida", ao darse nunha formación "tan amante do primarias pero que non é capaz de convocalas nin en Ferrol, nin en Santiago, nin na Coruña".

"GOBERNO MENGUANTE DE SÁNCHEZ"

O proceso iniciado de cara ás municipais, coa renovación do goberno da Xunta, permitiu a Tellado comparar a "estabilidade" do executivo autonómico coa do central de Pedro Sánchez, ao que cualifica de "goberno menguante".

Así, asegurou que hai "dous ministros que están na pista de despegamento, con outros 2 esperando que lle dean pasaporte" a que "chegue Sánchez e bse baise do Falcon", en referencia a Pedro Duque e Dores Delgado. "En 115 días, dous ministros cesados e dous esperando a ser cesados", aventurou Tellado, "por iso nomeou un goberno tan grande de 27 ministros", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Bernal Calvo Delaciga

Tellado, cando se pasou do BNG ao PP, non tivo que mudar moito nin o discurso nin as fobias.

1 Carmiña a do pp

Tellado é moi inteligente, e moi guapo .