Feijóo denomina a Mato como "a mellor candidata" para espertar A Coruña "do letargo das mareas"

A candidata popular afirma que se presenta para ser alcaldesa e que a cidade deixe de ser "un laboratorio de experimentos ideolóxicos".

Por E.P. | A CORUÑA | 28/09/2018 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou á exconselleira de Medio Ambiente e presidenta do PP local coruñés, Beatriz Mato, como "a mellor candidata posible" para A Coruña nas eleccións municipais de 2019 e para que a cidade "esperte do letargo das mareas". Mentres, Beatriz Mato reiterou o seu obxectivo de ser "a alcaldesa" da Coruña e de "todos" os coruñeses e coruñesas para impulsar "un novo proxecto de cidade", afirmou no acto organizado polo PP na explanada do Parrote para a súa presentación oficial como candidata.

Beatriz Mato
Beatriz Mato

"Preséntome porque non me gusta o que vexo", dixo criticando unha política municipal de vivenda "que só funciona para os amigos" ou denunciando "a mala xestión" dos expedientes. "Ou que os 'okupas' se metan nas casas e ninguén faga nada". Xunto a iso, dixo que se presenta porque cre que a súa experiencia "pode servir" e porque quere que esta cidade deixe de ser "un laboratorio de experimentos ideolóxicos". "E para relanzar a cidade", engadiu cualificando de "desvastadores" os efectos da Marea. "Propoño recuperar ese coruñesismo tolerante", incidiu na súa intervención e definindo como "candidatura da moderación" a súa proposta fronte a "este goberno de Frankenstein".

MULLER CON "EXPERIENCIA E IDEAS"

Antes, Feijóo incidiu en que "onde antes había grandes proxectos, agora hai baleiro de ideas e unha enorme incompetencia", sinalou comparando o goberno do PP co da Marea Atlántica. "Agora hai un goberno local desconectado, esvaecido, desanimado e sen ningún tipo de iniciativa", engadiu.

No entanto, dixo que "a maioría da cidade non se resignou" fronte a unha urbe "parada". Por iso, expuxo que o PP presenta nestas eleccións municipais "unha muller que se crece ante os desafíos". "A mellor candidata posible para que a cidade volva andar e esperte do letargo das mareas", apostilou. Na mesma liña, defendeu que o PP ten "á muller co ímpeto que falta en María Pita, con experiencia e con ideas", recalcou nun discurso no que prometeu proxectos para a cidade como a estación intermodal.

CRITICAS A MAREA, PSOE E BNG

Por outra banda, nun acto con presenza de militantes do PP, pero tamén de representantes veciñais, sindicais e empresariais, arremeteu contra a Marea Atlántica, cuestionando que prometesen "traer a dignidade". Fronte a iso, expuxo que "compraron con diñeiro público os pisos dos seus amigotes e afíns", afirmou sobre os pisos anulados polo Consello Consultivo. No seu discurso, tamén criticou a xestión de socialistas e de nacionalistas. "Un PSOE entregado ás mareas, o BNG desaparecido e as mareas campando pola cidade", sentenciou.

Pola súa banda, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, apelou á necesidade de "maiorías estables" despois de "catro anos en branco", indicou sobre a xestión da Marea Atlántica. Dos socialistas, sinalou que foron "eles os que entregaron a cidade". Como Feijóo, reivindicou a experiencia de Beatriz Mato e o obxectivo de recuperar a Alcaldía para facer "unha cidade mellor". Durante o acto, un grupo de representantes de STOP Desafiuzamentos concentrouse nas inmediacións. Tamén se escoitaron algúns berros de "mentireiros". "Non se se estarán a protestar contra o concello porque nós estamos na oposición", sinalou sobre eles o presidente do PPdeG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta