Noriega, "molesto" porque Feijóo non contesta a súa carta, pide unha reunión con Felipe VI e Pedro Sánchez polo Xacobeo

Defende que a Igrexa cobre por visitar o Pórtico da Gloria, pero pide que o reinvista en "conservación e rehabilitación".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2018 | Actualizada ás 12:20

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, está "molesto" co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, porque "despois de máis de 20 días" non recibiu contestación á súa solicitude de reunirse para facer balance dos compromisos da lexislatura e, entre outras cuestións, abordar a preparación do Xacobeo 2021.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, nunha entrevista con Europa  Press. Europa Press
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, nunha entrevista con Europa Press. Europa Press | Fonte: Europa Press

"Hai un malestar pola miña banda", sinalou, nunha entrevista con Europa Press, o rexedor compostelán, quen tamén censurou que non lle cursase invitación para a toma de posesión dos novos conselleiros na á autonómica do Pazo de Raxoi. "Santiago é un espazo de cohabitación e colaboración institucional, pero claramente o PP está a actuar en clave electoral", denunciou Noriega, quen quere abordar con Feijóo asuntos compartidos, entre eles a cita do 2021.

"O mellor para o Xacobeo é que haxa unha cooperación efectiva co resto de institucións, que todos podamos opinar", manifestou o rexedor compostelán. "E que o Consorcio, onde está o Goberno central, a Xunta e o Concello, consiga convocar o Real Padroado, onde tería que asistir o xefe do Estado e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez", reclamou.

Ademais, solicitou "dotar de maiores recursos para planificar o ano 2021 e o seguinte" Xacobeo, que "tamén se celebrará na década dos 20". Sobre se cre que sería bo que o papa Francisco acudise a Santiago de Compostela, indicou que non o valorou no seu "pensamento" e encaixouno no ámbito de xestión da Igrexa.

PÓRTICO DA GLORIA

En canto ás relacións coa institución eclesiástica e sobre a polémica polo cobro do Pórtico da Gloria anunciado pola Fundación Catedral, manifestouse a favor de que a Igrexa poida estipular unha entrada polas visitas. Iso si, con determinadas exencións, como días gratuítos ou visitas sen custo para escolares.

"Que o que a Igrexa poida recadar no ámbito das súas competencias, sirva para empregalo en conservación e rehabilitación do edificio", sostivo. "E que non teñamos que estar na mesma situación como coa reforma da Catedral", agregou Noriega, en referencia a achegas de fondos do Consorcio.

Por iso, considerou que "todo o que poida recadar, debería estar encamiñado a rehabilitación, conservación e a non ter que tirar de fondos públicos". "Dito isto, creo que ten que haber unha discriminación positiva cos veciños e cos escolares", matizou, para concluír que se trata de cobrar "sen afán recadatorio".

TAXA TURÍSTICA

"Por que digo isto?", expuxo, pois porque o Concello de Santiago "tamén está a reivindicar unha taxa turística". "Non con afán recadatorio, senón para facer fronte a cuestións como a conservación de patrimonio, dispositivos de seguridade, conservación ambiental, dispositivos de limpeza e repartición de cargas. Hai que ser minimamente coherentes", sentenciou.

"O mesmo que pido para a cidade, podo entendelo na Igrexa. Nós non estamos a pedir unha taxa turística con afán recadatorio, senón que estamos a reclamar unha taxa turística para promoción da cidade, desestacionalización, limpeza, seguridade. O que pido para min, enténdoo noutros casos", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta