Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/09/2018 | Actualizada ás 16:45
A metade dos españois terían o mesmo soño que o premio Nobel de literatura José Saramago, a creación dun país novo chamado Iberia que resultaría da unión de España e Portugal. Segundo os resultados do último ElectoPanel realizado polo portal especializado Electomanía, a metade dos españois estarían a favor da unión ibérica cos nosos veciños.
Os datos indican que "hai unha clara maioría de españois favorables a que os lazos que nos unen con Portugal se fagan máis estreitos", aseguran os autores da enquisa.
A metade dos cidadáns de España mesmo estaría a favor de constituír directamente unha confederación ibérica, mentres que outra cuarta parte dos españois, aínda que prefire que se manteña a separación entre Estados, cre que España e Portugal deben ter unha relación especial de maior vinculación que a que existe actualmente.
Só un 11% dos consultados cre que se debe manter o estatus actual, sen cambios.
"Non se aprezan diferenzas significativas nestas opinións cando comparamos os resultados das distintas comunidades autónomas nin cando nos fixamos na posición ideolóxica ou a simpatía por uns partidos políticos ou outros", engaden os autores da enquisa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.