A patronal do metal de Galicia ve "inasumible" o custo enerxético

Piden un pacto de Estado sobre os prezos da enerxía. O sector segue demandando man de obra e cifra en 3.000 os traballadores necesarios.

Por E.P. | VIGO | 01/10/2018 | Actualizada ás 15:28

Comparte esta noticia

A Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime) sinala que o prezo da enerxía lastra os resultados das empresas e impídelles competir con garantías. Así o trasladou o secretario xeral da asociación, Enrique Mallón, durante o acto de presentación de balance do sector, no que afirmou que "se debe potenciar a compra agrupada de enerxía". De feito, lembrou que, no seo de Asime, decenas de empresas agrupáronse para comprarlle a enerxía á comercializadora Nexus.

Enrique Mallón, secretario xeral de Asime
Enrique Mallón, secretario xeral de Asime | Fonte: Europa Press

"Cremos que o custo da enerxía vai ser un obstáculo para o crecemento, está a prexudicar aos balances das empresas, e pon nerviosos a certos investidores", advertiu Mallón, quen recalcou que "un dos retos máis relevantes do Goberno é crear un ambiente adecuado" para a produción industrial.

A ese respecto, o portavoz de Asime incidiu en que a enerxía supón actualmente máis do 20 por cento dos custos de produción das empresas, polo que é unha "tarefa pendente e urxente" pór fin a esta situación. "Débese facer un pacto estratéxico nacional para buscar un custo adecuado na produción industrial", aseverou. Así, urxiu un "pacto de Estado" e unha "reforma enerxética global" que pase por "potenciar o uso de enerxías renovables", xa que o custo enerxético para as empresas é "inasumible".

EMPREGO

Por outra banda, Enrique Mallón tamén recalcou que as empresas do metal seguen demandando man de obra, e incidiu en que a industria metalúrxica está en disposición de crear 3.000 novos empregos nun ano. Iso permitiría ás empresas aumentar a súa facturación "un mínino dun 5 por cento" porque hai moitas industrias con carga de traballo que poderían duplicar a súa produción "se tivesen persoal".

O secretario xeral de Asime apuntou que este sector "é atractivo" para os traballadores, polo seu nivel de formación e polas súas retribucións. Así, fixo fincapé en que os convenios sectoriais e privados do Metal "son os máis altos da industria galega", polo que fixo un chamamento aos traballadores novos e aos recentemente titulados para que busquen o seu futuro nestas empresas.

Nesta liña, Mallón reclamou tamén un pacto nacional "pola formación" porque "non chega con 10, 15 ó 20 cursos", senón que "hai que dar facilidade" aos empresarios para que accedan a fondos para formar operarios cualificados. Segundo explicou, dos 3.000 traballadores necesarios, un 70 por cento serían para a área de Vigo. Así mesmo, sinalou que 1.600 deses operarios traballarían en industrias do naval.

A ese respecto, lembrou que hai medio ano xa se cifraba en 1.200 o número de traballadores necesarios nesa industria, dos que se incorporaron 400. Así, "segue habendo agora un déficit de 800 operarios" para estaleiros e empresas auxiliares, e lembrou que, antes da crise, estas empresas "facían canteira" formando traballadores, pero agora "xa nin se cubren as necesidades".

INFORME SEMESTRAL

Segundo os datos do informe semestral presentado este luns, a industria metalúrxica galega, formada por case 4.000 empresas, facturou 6.825 millóns de euros no primeiro semestre de 2018, un 2 por cento máis que no mesmo período do ano pasado. Ademais, de xaneiro a maio as exportacións do metal superaron os 3.700 millóns de euros, e case o 66 por cento desas vendas corresponderon ao sector da automoción, seguido polos fabricantes de maquinaria e outros produtos, metalurgia e, en último lugar, naval.

Con respecto á automoción, metalmecánica e transporte, a facturación no primeiro semestre de 2018 foi de 5.195 millóns de euros (un 1,2 por cento máis). Así, a produción galega de automóbiles pechou os primeiros 5 meses do ano cunha lixeira subida do 0,8 por cento (após compensarse o descenso na produción de turismos co incremento nas furgonetas).

En canto ao sector naval, Asime contabilizou 27 unidades en carteira de pedidos, e recalcou que, no primeiro semestre do ano, os estaleiros galegos coparon o 60 por cento dos novos contratos (5 en Armón, 2 en Freire e outros 2 en Nodosa). Por outra banda, a facturación da construción de estruturas metálicas aumentou até os 585 millóns de euros, un 2 por cento máis; mentres que tamén creceu, no mesmo porcentaxe, a facturación da industria aeronáutica galega, até os 76,2 millóns de euros no primeiro semestre de 2018.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta