Traballadoras do Servizo de Conciliación da Xunta esixen poder compatibilizar familia e traballo

Tamén esixen a dotación de recursos para facer posibles as medidas de conciliación e denuncia que non existe vontade política para que isto ocorra.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2018 | Actualizada ás 16:23

Comparte esta noticia

A secretaria confederal de Mulleres CIG, Margarida, Corral sinalaba que  “é inconcibible que sexa precisamente nun servizo público e indispensable para que a clase traballadora, e  nomeadamente as mulleres, poidan conciliar onde se denegue de xeito reiterado este dereito ao seu persoal”. Estas palabras pronunciounas durante a concentración celebrada esta mañá diante do edificio que acolle a Secretaría de Igualdade da Xunta de Galiza e o Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar.

Concentración CIG diante Conciliación Xunta
Concentración CIG diante Conciliación Xunta | Fonte: CIG

A mobilización foi convocada pola Secretaría das Mulleres da CIG. Realizouse no marco dunha campaña impulsada polo sindicato para denunciar “a vulneración dos dereitos de conciliación da vida familiar, laboral e persoal das persoas traballadoras, e o impacto que ten na vida das mulleres”.

“Hoxe en día, a conciliación é cuestión de cartos. Non existe unha aposta real por políticas que garantan compatibilizar traballo e familia” di Corral, que tamén denuncia “ao Partido Popular éncheselle a boca falando de plans de dinamización demográfica, de políticas a prol das familias, mais na práctica o que fan é vulnerar os dereitos das traballadoras”. Isto é así, segundo Corral, porque se está “impedindo que poidan conciliar, obrigando ás mulleres a optar por reducir a súa xornada, a acollerse a excedencias, a xudicializar os seus dereitos, e no peor dos casos, a un cese”. Estas demandas tamén se materializan porque as traballadoras “ven imposibilitado o coidado das súas crianzas ou familiares dependentes co exercicio do seu traballo”.

Así o denunciou tamén a secretaria nacional do sector da Administración Autonómica, Zeltia Burgos, quen asegurou que este problema afecta ás traballadoras do consorcio “mais tamén a todas aquelas que traballan na administración a quendas, que teñen que recorrer á vía xudicial para ver recoñecidos os seus dereitos á concreción horaria ou á flexibilización e  limitadas para exercelos se non hai quen as substitúa no posto”.

AVANZAR NOS NOSOS DEREITOS

Desde a CIG denuncian ademais, que as políticas públicas en materia de conciliación seguen a basearse case en exclusiva, “no estabelecemento de permisos laborais que son utilizados maioritariamente por mulleres, mais antepoñendo as necesidades do mercado de traballo ás da vida familiar e laboral”. Denuncian tamén que a vida das persoas está subordinada á actividade laboral.

A Secretaria das Mulleres di que a meirande parte dos casos de mulleres que solicitan permisos de conciliación, fano reducindo súa xornada laboral  cun efecto inmediato sobre o seu salario e a curto e medio prazo sobre as prestacións futuras. “Unha realidade que coloca ás mulleres nunha situación de desvantaxe no mercado laboral e nunha posición de conflito permanente coa patronal, neste caso, coa propia administración galega, á hora de facer uso dos seus dereitos”. Desde a  CIG esíxenlle ao goberno do Partido Popular que asuma unha organización racional das xornadas de traballo que permitan compatibilizar traballo e vida. “Se non é quen de facelo reorganizando os horarios de traballo, dote ao servizo de persoal suficiente para garantir os dereitos das traballadoras”.

Neste sentido, engadiu que “non podemos permitir que nun servizo esencial para que moitas de nós poidamos conciliar as nosas responsabilidades de coidado co traballo sexa precisamente onde se deneguen os dereitos de conciliación ás traballadoras”. Fronte a isto, Marga Corral apuntou que “a solución do problema demográfico de Galiza pasa necesariamente por facer unha aposta real por políticas públicas que garantan o coidado das persoas dependentes e faciliten a atención ás crianzas, que favorezan a creación de emprego digno”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta