Feijóo rexeita usar a lingua como "arma política" a pesar de impulsar o famoso decreto do plurilingüismo

Sinala que fai dez anos "había cero centros plurilingües" e do galego di que é unha lingua "viva" que conecta co mundo lusófono.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/10/2018 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou a lingua como "mecanismo de convivencia", así como "ferramenta de novas xeracións e oportunidades", á vez que rexeitou o seu uso como "arma política e de confrontación".  Con todo, o seu decreto de plurilingüismo, cando chegou á Xunta en 2009, rachou os consensos da lingua que había ata entón e o enfrontou con todas as institucións de defensa da cultura e do idioma, como a RAG ou o Consello da Cultura, ademais dos partidos políticos.

Feijóo defende o plurilingüismo diante de auxiliares de conversa
Feijóo defende o plurilingüismo diante de auxiliares de conversa | Fonte: xunta.gal

Con todo, Feijóo segue defendendo esa medida e volveu a destacar a utilidade do ensino "plurilingüe". Durante a clausura da 'Xornada de acollida e orientación de auxiliares de conversa en Galicia', reivindicou que "un de cada tres alumnos galegos de todos os niveis xa reciben unha educación plurilingüe", e incidiu en que cada vez son máis os centros que implantan este modelo para os alumnos de infantil, bacharelato e Formación Profesional.

O presidente galego suliñou o compromiso do seu Executivo co ensino plurilingüe e resaltou que, a día de hoxe, en Galicia son xa 100.000 alumnos os que reciben este tipo de educación. Así mesmo, sinalou que, se fai dez anos "había cero centros plurilingües", hoxe Galicia conta con 385, así como con 617 auxiliares de conversa.  "Máis de 600 auxiliares non só de inglés, senón tamén de alemán, francés, portugués e ruso", dixo.

MÁIS PLURILINGÜISMO

Un camiño que está a tomar tamén --remarcou-- o Sistema Universitario de Galicia, que este ano ofrece, "por primeira vez", catro graos en inglés: Enxeñaría Informática na Coruña, Química en Santiago e as enxeñarías en Tecnoloxías de Telecomunicacións e en Tecnoloxías Industriais na Universidade de Vigo.

Ademais, para que os escolares galegos poidan certificar os avances que realizaron na aprendizaxe de linguas, o titular da Xunta destacou o convenio co 'Trinity College' de Londres. Respecto diso, precisou que máis do 80 por cento dos estudantes de centros plurilingües que se presentaron, en xuño, ás probas dos niveis B1 e B2 do marco común europeo de referencia, aprobaron o exame.

E sobre o uso e defensa do idioma propio?. Feijóo só se limitou a suliñar que é unha lingua "viva" que conecta co mundo lusófono. "Está viva e ímola a manter", garantiu, antes de animar aos auxiliares de conversación a aprender non só o castelán, senón tamén o galego. "Viva", remarcou, dentro dunha comunidade que, á súa vez, está "aberta" a outras culturas.

"GASTRONOMÍA E LINGUA"

Antes de Feijóo, interveu a nova conselleira de Educación, Carmen Pomar, quen destacou a súa satisfacción polo feito de que no seu primeiro acto público se poña o acento na aposta do Executivo de Feijóo "polo plurilingüismo", como "un dos alicerces da educación en Galicia".

"Quero darvos a benvida: empaparédesvos da cultura, a gastronomía e a lingua propia de Galicia e contribuiredes a que os mozos do sistema educativo aprendan a vosa lingua e a vosa cultura", trasladou, antes de remarcar o seu compromiso coa educación "de calidade", como "ferramenta indispensable para unha sociedade máis libre, máis xusta e máis próspera".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta