Vítimas piden volver verse con Ábalos e lémbranlle que os dous investigados de Adif seguen nos seus cargos

Reclaman que, "tal e como esixe a UE", se cree unha comisión de investigación "técnica independente tutelada pola ERA"

Por E.P. | Santiago de Compostela | 04/10/2018 | Actualizada ás 12:58

Comparte esta noticia

A plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia pediu este xoves por carta unha nova reunión co ministro de Fomento, José Luís Ábalos, despois da que mantiveron o pasado 4 de setembro e na que el se comprometeu a estudar as súas reivindicacións.

Vítimas de Angrois maniféstanse no quinto aniversario da traxedia. EUROPA PRESS - Archivo
Vítimas de Angrois maniféstanse no quinto aniversario da traxedia. EUROPA PRESS - Archivo | Fonte: Europa Press

Este mércores, en Santiago, o ministro afirmou: "non temos agora mesmo responsables daquel momento", despois de facer referencia á dimisión do director de seguridade de Renfe, Antonio Lanchares, o pasado setembro. No entanto, as vítimas do sinistro, que deixou 80 mortos e máis de 100 feridos en xullo de 2013, lémbranlle na misiva, á que tivo acceso Europa Press, que os dous investigados de Adif na causa que instrúe o xulgado seguen nos seus cargos de libre designación.

O primeiro deles, Andrés Cortabitarte, no seu día responsable de seguridade de Adif, foi recolocado nunha subdirección, tamén de libre designación, mentres que Fernando Rebón, xerente de seguridade no noroeste da mesma empresa pública, acaba de ser ratificado como investigado pola Audiencia Provincial da Coruña (algo que xa ocorreu con Cortabitarte a mediados do ano pasado).

No texto remitido ao titular de Fomento, a plataforma apunta que "pasou xa un mes" da súa primeira entrevista e solicítanlle outro encontro para recibir "máis detalles de como están a proceder" el o seu equipo en relación ás súas demandas.

En primeiro lugar, reclámanlle que, "tal e como esixe a UE", se cree unha comisión de investigación "técnica independente tutelada pola Axencia Europea Ferroviaria".

Esta petición, avalada pola propia Axencia e tamén pola comisaria europea de Transportes (que llo trasladou directamente a Ábalos nunha reunión a principios de xullo), é unha das antigas reivindicacións das vítimas e prodúcese un día despois de que quen presidía a CIAF (comisión de investigación de accidentes ferroviarios) no momento da investigación do accidente de Angrois revelase que a por entón ministra Ana Pastor impediulle iniciar de novo as pescudas.

Logo se desdeciu, após o malestar mostrado polo propia Pastor, mentres que o actual presidente da CIAF (na súa comparecencia previa no Congreso) reiterara a súa posición contraria a unha nova investigación.

Respecto diso, en declaracións a Europa Press, o portavoz da plataforma, Jesús Domínguez, incide en que a investigación "se ten que facer" e en que os afectados non queren que sexa a CIAF quen a faga, posto que "non é independente". "Que a fagan cos medios que teñen e tutelada pola ERA", subliña.

"ESPERAMOS QUE NOS ENTENDA"

En segundo lugar, na carta a Ábalos, as vítimas fan referencia ao cesamento dos cargos imputados e, en terceiro termo, queren que lles facilite o último informe realizado pola ERA sobre o nivel de cumprimento en España da normativa en materia de seguridade e interoperabilidad.

"Esperamos que se poña no noso lugar, enténdanos e acceda canto antes a recibirnos. O noso único obxectivo é obter a verdade e a xustiza pola que vimos loitamos cinco anos. Só así poderemos descansar", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta