Dous casos de homofobia serán investigados logo dunha queixa por parte da Valedora do Pobo

Un dos sucesos ocorreu na Laracha, onde un hostaleiro foi atacado sen xustificación pola súa orientación sexual. Mentres en Vigo, unha persoa denunciou insultos e agresións por parte de vixilantes dun centro comercial.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2018 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

A institución do Valedor do Pobo abriu unha queixa de oficio para instar a investigación por parte das autoridades locais do “ataque inxustificado” a un hostaleiro da Laracha pola súa orientación sexual. Tamén se dirixirá á xerencia do Centro Comercial A Laxe de Vigo, onde unha persoa denunciou agresións e insultos relacionados coa súa orientación sexual por parte de dous vixilantes. 

Comparecencia da Valedora do Pobo
Comparecencia da Valedora do Pobo

Os actos homófobos contra un hostaleiro en A Laracha teñen carácter reiterado nos últimos días segundo informa a oficina da valedora do pobo. A persoa afectada foi insultada por medio de pintadas aparecidas na fachada do seu establecemento e na casa familiar que está xunto ao mesmo negocio. Estas pintadas aluden á súa orientación sexual. Para a institución trátase dun “ataque absolutamente inxustificado na súa intimidade persoal e de danos materiais no seu local e vivenda”. Deste xeito, insta ao Concello de A Laracha a “poñer todos os medios para esclarecer a autoría dos feitos e determinar, no seu caso, a natureza desa acción sancionable”.

A institución, por outra banda, tamén pedirá informe á xerencia do Centro Comercial A Laxe de Vigo polos feitos denunciados ante a oficina por unha persoa que asegurou ser vítima de trato discriminatorio por parte de dous gardas de vixilancia do centro o pasado verán. O reclamante denuncia a actuación e trato recibido por vixiantes de seguridade dese espazo comercial, dado que o increparon e insultaron cando se atopaba nos aseos.

O interesado afirma no seu escrito achegado á oficina do Valedor do Pobo que se exerceu violencia física e psicolóxica conra el, que recibiu insultos, ameazas e coaccións e foi retido contra a súa vontade. Segundo relatou, as razóns deste trato vexatorio derivan da súa orientación sexual, constituíndo os feitos relatados un atentado á súa persoa de carácter “homófobo”.

A oficina da Valedora do Pobo lembra que a Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia “faculta ao Valedor como autoridade independente para velar pola igualdade de trato e non discriminación tanto no sector público coma no privado”.  Entre outras facultades, a valedora pode iniciar de oficio ou por instancia de terceiros, “investigacións sobre a existencia de posibles situacións de discriminación que revistan unha especial gravidade ou relevancia”.

Nestes dous casos, a intervención da valedoría estriba na necesaria defensa das persoas afectadas, instando as actuacións que correspondan para sancionar as accións ou omisións que poidan ser constitutivas de infracción administrativa en materia de igualdade de trato e non discriminación.

Nos supostos mencionados trátase de coñecer en detalle os feitos sinalados e, no caso de se confirmar, solicitar a adopción de medidas por parte das autoridades responsables, públicas ou privadas, para evitar que se reproduzan actos deste tipo que poden supor unha “clara violación dos dereitos fundamentais por motivos homófobos inaceptables na nosa sociedade”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta