Abel Caballero anuncia que Adif pagará o millón e medio de euros para o estudo da variante de Cerdedo

O alcalde de Vigo apuntou ademais que esta é a primeira vez que un ministro de Fomento vén á cidade para asegurar o AVE directo.

Por E.P. | VIGO | 04/10/2018 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este xoves que Adif asumirá o custo, que cifrou ao redor duns 1,5 millóns de euros, do estudo hidroxeolóxico necesario para avanzar na tramitación ambiental pendente da chamada variante de Cerdedo, no AVE directo entre Vigo e Madrid.

Abel Caballero en rolda de prensa. EUROPA PRESS - Archivo
Abel Caballero en rolda de prensa. EUROPA PRESS - Archivo

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico mostrouse como un "home enteiramente feliz" após o encontro mantido nas últimas horas co ministro de Fomento, José Luís Ábalos, e tras constatar que "tódolos temas importantes da cidade" en materia de infraestruturas relacionadas con este departamento do Goberno están "desbloqueados".

Con respecto á alta velocidade ferroviaria, Abel Caballero puxo en valor que "é a primeira vez que un ministro de Fomento do Goberno vén á cidade a asegurar o AVE directo" e celebrou que o proxecto renove a súa marcha "despois da paralización á que o someteu o PP".

Así, lembrou que a tramitación ambiental estaba pendente dun estudo hidroxeolóxico, do que nada se soubo desde 2015 (momento en que a variante de Cerdedo xa acumulaba atrasos). Agora, proclamou, acordouse que Adif se faga cargo dese estudo, necesario para analizar as condicións do subsolo por onde discorrerá o tramo, as circunstancias hídricas durante diferentes momentos do ano, e outras variables ambientais.

O rexedor vigués reprochoulle ao anterior goberno, do PP, que se tivera realizado a tramitación ambiental da variante de Cerdedo en 2012, "agora non habería que facer este estudo", pero desde entón a normativa e as esixencias ambientais cambiaron, polo que son necesarios novos requirimentos.

Así mesmo, Caballero expresou a súa satisfacción polo compromiso de Ábalos de encargar un estudo para prolongar a A-52 entre Vigo e O Porriño, nun novo trazado alternativo á actual autovía A-55, no que se contempla un túnel. Nese sentido, o alcalde valorou que o goberno socialista mostre a súa intención de acometer este proxecto "con fondos públicos" e non mediante unha fórmula mixta, como anunciara o anterior Executivo.

Do mesmo xeito, subliñou o anuncio de Fomento de encargar os primeiros estudos para construír novos accesos á AP-9 desde a Avenida de Buenos Aires, de maneira que se poida entrar e saír da autoestrada en dirección ao centro da cidade ou en dirección Pontevedra. "Pasou o que tiña que pasar, que o Goberno vai facer (e pagar) o estudo da proposta que eu adiantei", presumiu Caballero.

Finalmente, tamén recalcou que, en xaneiro próximo, someterase a información pública o proxecto da "gran humanización" da Avenida de Madrid, dotada cun orzamento de 10 millóns de euros "que pode ser ampliado". As obras de reforma poderán comezar, segundo explicou o rexedor, no verán próximo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta