Camilo Díaz Baliño e Isaac díaz Pardo, activismo político e compromiso artístico en Compostela

‘Con Galiza sempre no horizonte’ é unha mostra que repasa a vida do pai e do fillo e a súa vinculación coa capital galega.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/10/2018 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo estiveron sempre moi vinculados á Compostela. E ese amor pola capital galega vese agora reflexado nunha exposición. Producida pola USC e o Ateneo de Santiago en colaboración co Concello compostelán e a Deputación da Coruña, o Colexio de Fonseca albergará do 9 de outubro ao 30 de novembro a mostra ‘Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela. Con Galiza sempre no horizonte’. 

Isaac Díaz Pardo
Isaac Díaz Pardo | Fonte: Galipedia

A exposición, e o catálogo que a acompaña, dá conta dos 16 anos –entre 1920 e 1936- que pai e fillo compartiron en Compostela. Quen se achegue ás salas de Fonseca poderá coñecer a obra de Camilo e Isaac máis vinculada á cidade, ademais do percorrido artístico e vital destes dous persoeiros a quen lles tocou vivir unha época histórica convulsa que marcaría toda a súa vida.

Desde a casa da Tumbona das Hortas ata o obradoiro de carretas, a cartelaría cinematográfica, cultural e política obra de Camilo exercería sobre Isaac unha grande influencia non só artística senón tamén ideolóxica, moi vencellada nos comezos á campaña en defensa do Estatuto Galego. Precisamente, a obra artística, industrial e cultural de Isaac Díaz Pardo centra a segunda parte da mostra, enfocada na época en que se viu obrigado a abandonar a súa cidade natal. 

O Laboratorio de Formas, a Galería Sargadelos da Rúa Nova e o Instituto Galego de Información son outras iconas compostelás a través das que se constrúe o relato destas figuras senlleiras para a exposición que comisarían Xosé Ramón Fandiño Veiga e Gloria López López.

‘Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela. Con Galiza sempre no horizonte’ poderá visitarse en horario de luns a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas. A inauguración terá lugar o martes ás 20.00 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta