Ferreiro cre que o proceso dentro de Podemos Galicia non afectará ás Mareas municipalistas

Sobre a polémica xerada pola adxudicación do antigo cárcere: "elevar cuestións administrativas a categoría penal non ten percorrido".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2018 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asegurou que a relación co PSOE "foi complicada durante todo o mandato", porque a pesar de que "deron apoio na investidura e permitiron gobernar, ao día seguinte a cousa complicouse". Polo que respecta aos procesos internos de Podemos Galicia, asegurou que "sexa cal for o resultado, non vai afectar á aposta polo municipalismo e candidaturas de base".

Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña. Europa Press
Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña. Europa Press | Fonte: Europa Press

Así o trasladou este domingo nunha entrevista na Radio Galega, a uns meses das eleccións municipais de 2019 e cun panorama actual de goberno local no que Marea Atlántica goberna en minoría, co apoio do PSOE. Sobre esta cuestión, considerou que os problemas se deben "á situación interna do PSOE, con moito mirar cara adentro, para batallas do partido".

Neste senso, referiuse á "caída e ascenso de Pedro Sánchez, batallas do PSdeG co seu liderado, e á situación do Concello da Coruña, onde aínda non hai ningún candidato claro" á Alcaldía. "Isto provoca dificultades á hora de relacionarse co Partido Socialista", asegurou Ferreiro.

"De aquí ás eleccións, a competencia entre as forzas que estamos chamadas a liderar o cambio en todos os ámbitos territoriais ten que ser unha competencia virtuosa que nos faga gañar a ambos, e non machucarnos mutuamente, porque iso lle beneficia ao PP e ás forzas que están a vir cada vez máis escoradas á dereita, como Cidadáns e o propio PP, que pon en perigo consensos básicos da propia democracia", explicou o rexedor.

Nesta liña, sobre os procesos internos de renovación de Podemos Galicia e En Marea, Xulio Ferreiro explicou que "os procesos de confluencia en cidades como A Coruña, Ferrol e Santiago están tan maduros que non vai cambiar esa aposta sexa cal for o resultado dos procesos internos, non vai afectar á aposta polo municipalismo e polas candidaturas de base", sentenciou.

PREVARICACIÓN NO ANTIGO CENTRO PENAL

Preguntado pola repercusión da denuncia do PP por suposta prevaricación na adxudicación do antigo centro penal da cidade, Ferreiro asegurou que "non recibimos nada aínda (ningún escrito), e legalmente tampouco tiñamos que decidir nada, até agora non houbo ningunha intervención procedimental por parte do Concello da Coruña nin de ningún dos integrantes do grupo municipal".

"O fiscal o que fixo foi ver a documentación que remitiu o PP e analizar a versión que puxo encima da mesa, que non se axusta á realidade, e só con ela decidiu que investigase un xurado en lugar de investigar el", incidiu o rexedor municipal. "Esperamos que agora no xulgado podamos pór de manifesto todo o asunto na súa totalidade, dar a versión e demostrar que aquí non hai nada que ocultar", sentenciou.

"O único que quixemos facer foi coller outro equipo que se estaba a arruinar e en desuso, e quixemos darllo á cidadanía cunha fórmula de xestión da propia sociedade civil, cunha entidade a través dun concurso público, que foi Proxecto Cárcere, e sen trampa nin cartón fíxose a adxudicación, coas limitacións que ten o estado actual, desastroso e ruinoso, do cárcere, algo do que parece que ninguén tivo que responder: nin quen estivo a ocupar o Goberno de España nos sucesivos 20 anos, nin de quen estivo a ocupar o Goberno municipal, que deixaron que iso se destruíse", denunciou Ferreiro.

"Se iso é delito, a min sorpréndeme bastante que, coas cousas que pasan por aí, unha actuación deste tipo trátese de converterse en delituosa ou nun escándalo", criticou, e engadiu que, "se aquí o proxecto fose converter o cárcere nun hotel de cinco estrelas e que varios empresarios se puidesen facer ricos, se cadra ninguén protestaba, a todo o mundo parecíalle ben". "Hai cousas que un non acaba de atender no mundo da política", sentenciou.

Ademais, respecto desta denuncia, Ferreiro, na súa calidade de maxistrado, explicou que está "moi sorprendido xuridicamente de que chegase até aquí", polo que non lle ve percorrido. E incidiu tamén en que "unha prevaricación é unha decisión que se toma manifestamente en contra da lei, sabendo que é ilegal, e non hai ningún criterio interpretativo razoable que ampare esta decisión".

Así mesmo, insistiu en que "en todo momento" Marea Atlántica "tentou ser coidadosa para cumprir a lei, facelo coa máxima transparencia, para que non tivese ningún tipo de polémica esta adxudicación do cárcere, porque, ademais, sabía que había un partido --o PP-- que tiña posta a proa sobre este asunto", porque "quixo utilizar isto politicamente". "Elevar as cuestións administrativas á categoría penal non é unha cuestión que teña máis percorrido", asegurou.

PISOS DE ALUGUER

Por outra banda, sobre a cuestión dos pisos de aluguer após o ditame do Consello de Contas, Ferreiro valorou que se trata de "unha estratexia do PP, evidente, para dar a entender que todos somos iguais", xa que "a estas alturas non pode salvarse do estigma da corrupción e pretende, co ventilador, tentar manchar a todo o mundo".

"Aquí non estamos a falar de que a ninguén lle aparecese un coche de luxo en ningún garaxe, nin de ningunha operación urbanística para recalificar terreos e que alguén dese un pelotazo; estamos a falar de cuestións administrativas, de se se seguiron todos os pasos do procedemento administrativo ou non, de cuestións normais ás que se tenta dar esa relevancia e crear ese clima de falta de limpeza que non se corresponde coa realidade", sinalou o rexedor da Coruña. "Teño a conciencia ben tranquila sobre a forma en que actuamos", sentenciou Ferreiro.

PORTO DA CORUÑA

Doutra banda, polo que respecta á situación do porto da Coruña, Xulio Ferreiro asegurou que en quince días "hai data fixada en Madrid" para a reunión. Con todo, "a reunión da Comisión de Seguimento aínda non está convocada".

Así mesmo, reivindicou que, após a visita do ministro de Fomento a Galicia esta semana, "necesítase ir concretando cousas, e o cambio de talante e de dinámica que se abriu con este goberno de España está a anos luz dos que está a pasar co anterior ministro de Fomento do PP". "Confío en que podamos avanzar", manifestou.

"Creo que hai un consenso para avanzar neste asunto, que pasa pola titularidade pública dos terreos, por condonar a débeda ou buscar algún mecanismo equivalente que permita que a cidade non estea hipotecada e que permita negociar os convenios do 2004, e crear un consorcio que xestione eses terreos e determine como modificalos urbanisticamente, e dotar de operatividade ao porto", explicou.

APERTURA DO FARO DE OZA

Así mesmo, o rexedor municipal resaltou a recente apertura do Faro de Oza á cidadanía, e destacou que "supón darlle vida a edificios singulares, unha constante dentro do mandato, que son a memoria colectiva da cidade e que estaban esquecidos". "A idea é crear un espazo aberto á cidadanía, que calquera cidadán cun mínimo de requisitos poida optar a usar un dos seus faros para as actividades que desexe", explicou.

"Hoxe facemos a súa inauguración oficial cunha festa, porque é motivo de alegría o recuperar o patrimonio esquecido da cidade e darlle uso, darlle vida e sobre todo facelo en condicións de horizontalidad, da maior participación posible, de que todo o mundo teña acceso e non se cren equipos só para uns poucos ou elementos de luxo que noutras épocas foron os destinos habituais deste tipo de lugares", sinalou Ferreiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 comunismo expañol

o señor monopoly, a marea urbanizadora, o novo urbanismo, que acaba de arrasar un-has alfombras de flores duns probes vecinos do casco vello da coruña, xente maior colocando as flores e todo o traballo destruido, aquí están as obras da marea todo tipo de cousas... de abusivos, agora din que foi erro, o erro e votar a esta xente... lamentablel as actuacions do podreiro, mais ocupado en liortas internas que en facer calquer cousa útil...

1 comunista independentista

Confirmado. O Bloque da Coruña vai da man do fundamentalismo ultracatólico e da ultradereita coruñesa. Grazas Gonzalo!