Un concelleiro do PSOE de Vigo pide a dimisión do alcalde de Vilanova polo insulto a Carmela Silva

Asegura que se Feijóo e Rueda "non din nada" serán "cómplices", do mesmo xeito que todas as mulleres do PP que queden caladas.

Por E.P. | SANTIAGO | 07/10/2018 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

O concelleiro da área de Seguridade e Mobilidad do Concello de Vigo, Carlos López Font, demandou este domingo a dimisión do alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, após os "insultos machistas e fascistas" realizados polo mesmo contra a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva --é a "chacha para todo" do "ancián" alcalde de Vigo, Abel Caballero--.

O concelleiro Carlos López Font, en rolda de prensa
O concelleiro Carlos López Font, en rolda de prensa

Así o trasladou este domingo aos medios nun acto celebrado na cidade de Vigo no que tamén engadiu que o grupo socialista en Vigo "valora dunha forma extremadamente grave" estas declaracións do alcalde de Vilanova, cun "insulto machista, un insulto fascista, a unha muller polo feito de ser presidenta da Deputación". "Isto non se pode consentir, tense que parar de inmediato", aseverou.

Así mesmo, López Font lembrou que "é a segunda vez xa que un concelleiro do PP desta provincia tivo que dimitir polos mesmos ou parecidos insultos, por atacar desa forma machista polo feito de ser muller á presidenta da Deputación". "E, efectivamente, estamos ante un ataque intolerable á presidenta Carmela Silva e a todas as mulleres, é un insulto a todas as mulleres que non se pode consentir", criticou.

"Nós rexeitámolo, pero politicamente hai que pedir responsabilidades, e hai que dicirlle ao presidente da Xunta, que á vez é o presidente do PP de Galicia, que tome medidas: que ten que cesar a este alcalde, que ten que censurar a súa actitude porque é un insulto a todas as mulleres galegas e non se pode consentir", aseverou o concelleiro vigués.

"Non pode pasar un segundo máis sen que o faga e, sobre todo, os homes sentímonos avergonzados, porque é coma se insultasen a nosas propias mulleres, ás nosas fillas, a todos os nosos familiares, e, evidentemente, estamos ante un comportamento machista", apuntou.

Ademais, sinalou que "non hai que esquecer que estes deixes machistas comezan así, con frases, con desprezos e acaban en violencia, logo non levemos as mans á cabeza". "O alcalde de Vilanova é un político, é intolerable que continúe no seu posto, débense tomar medidas e o señor Núñez Feijóo debe de porse, non á beira de Carmela Silva, senón á beira de todas as mulleres que representa en Galicia e que son o 52%", considerou.

Por iso, incidiu en que, "desde o Goberno de Vigo, mulleres, homes e cidadáns de todo Vigo, sentimos avergonzados de que no ano 2018, cunhas cotas de violencia machista que están a chegar a extremos insustentables, un representante público solte un insulto de tal calibre, unha frase tan pexorativa e despectiva que é indigna de alguén que representa a uns cidadáns"

INCIDE NA DIMISIÓN

Por todo, insistiu reiteradamente durante a súa intervención en que Gonzalo Durán "ten que deixar de representar a eses cidadáns de Vilanova, por iso o seu partido político e os seus máximos representantes políticos téñenlle que dicir que ten que marchar e que xa abonda, porque se non o fan así, detrás del seguro que virá outro e outro, e isto certamente é intolerable".

"Hoxe unha onda de indignación que percorre toda Galicia, pódese ver en redes sociais e medios de comunicación", asegurou, e engadiu que, "se o presidente do PP, Núñez Feijóo, adopta unha actitude pasiva, e o vicepresidente Rueda non di absolutamente nada, son cómplices, pero tamén se as mulleres do PP non levantan a voz". "Isto vai máis aló de partidos políticos e de persoas que representan un cargo, vai da dignidade das mulleres", sentenciou Font.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta