O Concello de Mondariz, "molesto" coa Xunta pola falta de información sobre o incendio

A tenente de alcalde di que hai máis hectáreas queimadas e descarta que o lume se debese a un escape dunha queima. Asegura que é o quinto nunha semana e arrasou unha zona alta de monte con eucaliptos.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/10/2018 | Actualizada ás 11:58

Comparte esta noticia

O incendio forestal de Mondariz que obrigou a desaloxar a uns 40-60 veciños das súas vivendas a pasada noite pola proximidade das chamas é o quinto que rexistra este concello pontevedrés nunha semana, segundo destacou a tenente de alcalde, Mónica Peralba.

incendio Mondariz
incendio Mondariz | Fonte: twitter

As chamas, segundo explicou en declaracións a Europa Press, arrasan unha zona alta de monte con "parte de eucaliptos" e ademais de aproximarse ás casas tamén estiveron "preto" de petróglifos, aínda que Peralba descoñece se se produciu "algún dano" sobre eles.

Pola súa banda, mostrouse "molesta" porque a maior parte da información da que dispón é a que recibe dos medios de comunicación, como a das 150 hectáreas calcinadas. Ten "clarísimo" que a esta hora teñen que ser "bastante máis", aínda que a Consellería de Medio Rural dá o lume por estabilizado. Neste sentido, critica que "todas as chamadas" tívoas que realizar ela "directamente", á Xunta, ao distrito forestal e ao 112.

Nunha tarde-noite de tensión polo "rapidísimo" que se propagou o lume pola ladeira, xa que este domingo "había moito vento", a tenente de alcalde resaltou que o desaloxo foi complicado, ao darse nun lugar que "non é de fácil acceso" e por tratarse "a maioría" de xente maior, algunha das persoas con mobilidade reducida. Todos durmiron nas súas casas excepto un dos veciños desaloxados, que foi recolocado cun familiar.

"NINGÚN AVIÓN TODA A TARDE"

"As chamas estiveron á beira, achegándose moitísimo ás casas, e por momentos parecía que se desbocaba. Ademais, había unha fumareda impresionante e non houbo ningún avión toda a tarde", relatou. Con todo, a Xunta cualificou de "magnífica" a súa intervención.

Sen constancia de que se orixinase "en varios focos", a tenente de alcalde de Mondariz si descarta que o incendio se producise por escape dunha queima controlada, xa que "onde foi é monte puro e duro".

Así, descoñece os motivos que puideron provocar o lume, pero denunciou que esa zona "arde case todos os anos" e que é o quinto incendio que afronta a localidade "nunha semana", dos que tres se achegaron a vivendas. "Por iso estabamos moi alerta, e porque onte era un día moi malo", chamou a atención.

Esta semana cúmprese un ano da vaga de incendios que se cobrou catro vidas en Galicia, por iso é polo que as imaxes vividas entón estivesen no recordo de autoridades e veciños. "Foi na mesma época, coa mesma seca", sinalou a tenente de alcalde de Mondariz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 exodo do rural

ESTAN A RETER A INFORMACION DAS HECTAREAS... señores o mellor xa son 500 gran lume todo o que pase, maquillaxe para decir 400 ... o ano pasado ocultaban 20 mil hectáreas pero eu descubrin que non era asi que non eran 50 mil senon mais de 70 mil... rueda valenciano miren que fixo!!! onde están as medidas, e non se fien dos helicopteros