Puy asegura que a transferencia da AP-9 non se soluciona "cambiando un ministro por outro"

PSdeG destaca o levantamento do veto por parte do Goberno socialista e BNG e En Marea urxen o traspaso.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2018 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

O portavoz do PPdeG na Cámara galega, Pedro Puy, asegurou que a transferencia da AP-9 "ten que ver con algo máis amplo" que a "vontade política" polo que o problema non se soluciona "cambiando un ministro por outro".

Atasco na AP-9
Atasco na AP-9

Así se pronunciou o dirixente popular este luns despois de que, nunha entrevista concedida á Cadena Ser, o ministro de Fomento, José Luís Ábalos, asegurase que o Goberno "non é contrario ao traspaso da AP-9 a Galicia", aínda que supedita a decisión ás conclusións que se deriven da comisión de seguimento que se vai a convocar a próxima semana e ao feito "evidente" de que o que se faga "nunha comunidade vai ter réplica inmediatamente á outra".

"Unha das cousas boas de estar no grupo do PP é que podemos ser coherentes, eu xa dixen noutras ocasións que o problema do traspaso da AP-9 non era falta de vontade política senón doutra índole, que tiña que ver coa concepción que na Administración estatal se ten das infraestruturas de carácter estatal", sinalou.

Após iso, deixou claro que o PPdeG segue pedindo a transferencia a Galicia da titularidade desta autoestrada ao considerar que "é bo para o país". "Os que terán que explicarse son os que dicían que se non se facía era por falta de vontade política", apuntou para insistir en que ten que ver "co debate sobre as infraestruturas que conectan puntos de interese xeral para todas as comunidades".

"O ministro dixo o mesmo que diciamos nós, con independencia de quen goberne", subliñou para considerar que "cando un cre que cambiando a un ministro por outro se soluciona o problema, isto conduce á frustración e á melancolía".

POSTURA DO PSDEG

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, volveu a destacar que foi o Executivo socialista o que "levantou o veto" ao debate da transferencia da AP-9 no Congreso "fronte á cerrazón do anterior Goberno". "Iso xa mostra a súa apertura ao diálogo", apuntou.

Así mesmo, deixou claro que o PSdeG "seguirá pedindo a transferencia" e avanzou que trasladará ao Goberno os seus argumentos. Así, sinalou que non se trata dunha vía internacional porque non chega á fronteira con Portugal e desmentiu que esta decisión provoque problemas a posteriori con outras autonomías ao lembrar que en 1995, cun goberno socialista, foron transferidas autovías a Cataluña; así como que, en 1999, xa con Aznar na Moncloa, producíronse transferencias ao País Vasco.

CRÍTICAS AOS PARTIDOS ESTATAIS

Pola súa banda, preguntada polas declaracións do ministro de Fomento, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, acusou aos partidos estatais de "cambiar de posición" en función de se están no goberno ou na oposición.

Por iso, instou ao Goberno do Estado a "dicir con claridade" se "vai manter a mesma postura de Mariano Rajoy e impedir que Galicia se faga coa xestión desta infraestrutura ou se, pola contra, vai facilitar que esta transferencia chegue a este país máis temperán que tarde".

Así mesmo, urxiu a convocatoria da comisión bilateral Xunta-Estado sobre esta infraestrutura sen "esperar a que se tramite por vía parlamentaria". E é que, na súa opinión, o Executivo autonómico poderíase sentar xa co Goberno de Sánchez para reclamar esta transferencia que, segundo indicou, "ten que servir para superar as abusivas peaxes" desta vía.

Por último, o portavoz de En Marea, Luís Villares, volveu a condicionar esta transferencia ao apoio por parte da súa formación aos Orzamentos Xerais do Estado. "Se non hai transferencia da AP-9 non hai orzamentos", advertiu.

Respecto diso, estendeu esta postura a Unidos Podemos. "Están tan implicados nisto como En Marea polo que temos a certeza de que non votarán a favor se non se atende a reclamación unánime de todo o Parlamento de Galicia".

Ademais, asegurou que a comisión bilateral sobre esta vía "tal e como está exposta" só serve para "enredar" e deixou claro que a súa formación "non permitirá" que "lle tomen o pelo" aos galegos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta