Desaparece un tramo do río Portapego en Touro

A mineira que proxecta abrir unha explotación entre os concellos de Touro e O Pino fai obras de canalización sen permisos segundo plataformas veciñais. A Universidade de Santiago de Compostela (USC) anuncia que non ten ningún tipo de relación coas empresas implicadas na mina.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2018 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

A asociación veciñal Aldea Viva presentou unha denuncia diante de  Augas de Galicia polas obras “efectuadas sen as autorizacións preceptivas nas inmediacións do nacemento do río Portapego”. Segundo denuncian os veciños de Touro o leito do río no seu tramo inicial, xusto detrás da polémica área de servizos do concello, “está completamente seco dende hai dúas semanas”.

Río Portapego
Río Portapego | Fonte: Aldea Viva

O río atravesa o núcleo municipal para desembocar no Lañas, tributario do río Ulla. Nos últimos tempos fíxose evidente o seu pésimo estado, como outros moitos ríos e regatos próximos á explotación mineira”. Esta situación, segundo a Aldea Viva, “puido xerar incomodidade para os promotores da mina  pola mala imaxe que proxecta, e que dalgún xeito simboliza a súa despreocupación durante todos estes anos”.

Deste xeito, apuntan “o colectivo medioambientalista atopa explicación á supresión de aproximadamente 200 m de treito de río sen contar con ningunha autorización por parte de Augas de Galicia”. Aldea viva tamén puxo en coñecemento do concello de Touro, gobernado polo popular Ignacio Codesido, estas irregularidades “para que presente denuncia e exerza as competencias que lle corresponden, algo que non fixo até o día de hoxe”.

A USC DESVINCÚLASE DO PROXECTO MINEIRO

Aldea Viva tamén preguntou á Universidade de Santiago se está vinculada ao proxecto mineiro de O Pino-Touro. “A pesares de que os promotores da mina presumen habitualmente de contar coa colaboración das universidades galegas no seu proxecto” nunha resposta remitida pola institución académica “a Universidade de Santiago de Compostela vén de aclarar nun correo electrónico dirixido a Aldea Viva que non existe actualmente ningún contrato ou convenio de colaboración da USC cos titulares da mina".

Resposta USC
Resposta USC | Fonte: Aldea Viva

Esta cuestión tamén fixo que a USC consultase á consellería de Economía e Industria, pola utilización do nome da institución. Desde a Consellería  “recibiron contestación con data do 13 de abril de 2018 indicando que non consta entre os informes recibidos ata a data ningún asinado por ningunha persoa que se identifique como membro da Universidade de Santiago de Compostela”.

Resposta USC
Resposta USC | Fonte: Aldea Viva
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta