As rebaixas fiscais de Feijóo crean desconfianza na oposición

O presidente da Xunta avanzará as medidas económicas no debate sobre o estado da autonomía. Os grupos ultiman os preparativos para o Debate sobre o Estado da Autonomía, que arrinca este martes.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/10/2018 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

Os grupos políticos con representación no arco parlamentario galego ultiman os preparativos para o Debate sobre o Estado da Autonomía que arrinca este martes no Pazo do Hórreo e no que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, prevé anunciar unha serie de novas medidas fiscais das que, a falta de coñecer o seu detalle, desconfía a oposición. Así o recoñeceron os distintos portavoces en sucesivas roldas de prensa, mentres que o PPdeG, a través de Pedro Puy, defendeu a adopción de máis medidas fiscais. "Por cuestións de eficiencia económica e equidade, entendemos que é bo que as familias con menos medios vexan alixeirada a súa carga fiscal", subliñou.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Parlamento galego. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Parlamento galego. XUNTA

En todo caso, matizou que isto non quere dicir que os populares non se preocupen por "ter suficientes recursos públicos para incidir na equidade do sistema". A partir de aí, apelou a esperar a que Feijóo poña sobre a mesa as novas propostas para realizar unha análise con maior profundidade. Máis aló, ás portas de que arrinque o segundo debate de política xeral do terceiro mandato de Feijóo, Puy garantiu que os populares afrontan a cita "con espírito construtivo" e espera "alcanzar acordos coa oposición" para "dar estabilidade" ás políticas que demanda a cidadanía.

"GRANDES" ANUNCIOS, "PEQUENOS MOVEMENTOS"

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, mostrou a súa desconfianza cara aos "grandes" anuncios de Feijóo que, ironizou, acábanse concretando en "movementos moi pequenos para os petos dos cidadáns". Incidiu en que, fronte ás críticas da Xunta, o Executivo que lidera Pedro Sánchez "si anunciou algunha baixada de impostos" e incidiu en que o importante é constatar se este tipo de pasos "permiten seguir financiando servizos públicos en condicións adecuadas". Baixo esta premisa analizarán os socialistas as medidas de Feijóo cando as concrete.

Co foco no debate, tamén urxiu a Feijóo a forzar a dimisión do alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, quen tachou á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, de "chacha para todo" do "ancián" Abel Caballero, e instouno a incorporar aos seus compromisos de goberno as demandas de "reforzo" do diálogo social na liña do demandado polos sindicatos esta fin de semana.

BNG: A GALICIA "REAL"

O BNG instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a demostrar a súa preocupación os impostos e a súa repercusión na vida das familias galegas "suprimindo as subidas que el impuxo", como as que fan que Galicia, cunha refinaría na Coruña, pague os carburantes "máis caros do Estado". Así o asegurou a viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, que tamén emprazou ao presidente do Executivo autonómico a "sumarse á proposta do BNG" dunha tarifa eléctrica galega e apostar por un IVE "superreducido do 4%" para a luz.

Nunha rolda de prensa ofrecida este luns, a parlamentaria autonómica avanzou que a súa formación utilizará o Debate do Estado da Autonomía que arrinca este martes, para falar da Galicia "real" que Feijóo "quere tapar con propaganda". Así, os nacionalistas levarán á Cámara a situación dos parados, os traballadores en precario, os dependentes e os xubilados. "Queremos que Feijóo se mire no seu propio espello e vexa as consecuencias reais das súas políticas porque teñen nomes e apelidos", sinalou.

"Esperamos que non veña ao Parlamento agocharse detrás de Cataluña ou darnos a súa versión do discurso de Pablo Casado", manifestou Rodil, que avanzou que o BNG vai ao debate con "vontade construtiva" e formulará 40 propostas de resolución que virarán sobre o benestar social, dotar a Galicia dun novo marco que lle permita un maior poder económico e político, así como a mellora da calidade democrática.

AS "FÁBULAS" DE FEIJÓO

Pola súa banda, na xornada previa ao debate, Villares augurou que o "conta contos dos Peares" --en referencia ao presidente da Xunta--, volverá ao Parlamento a "contar as súas fábulas". Así, tamén se referiu ao anuncio do presidente de acometer unha rebaixa de impostos e preguntouse se a cidadanía prefire "manter os impostos como até agora e manter persoal nos hospitais" e nos "centros de urxencias" ou ao revés.

"O problema é que a Xunta de Galicia non empregou os recursos públicos para garantir a atención á cidadanía", manifestou Villares, que considera que os galegos teñen dereito a saber que "o Goberno galego non está á altura para defender os seus intereses". "E mañá demostrarémolo no Debate do Estado da Nación", apuntou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta