Debate do Estado do País: Villares bota en cara a Feijóo os suicidios por mor da crise

O portavoz de En Marea pide sumar forzas a toda a oposición medianre un "trato cidadán". A líder do BNG replica ao presidente da Xunta que "outra Galicia é posible, con poder económico e poder político". Leiceaga (PSdeG) atribúe a Feijóo unha "Galicia que vai a menos" polo seu Goberno "paralizado" e "sen proxecto". O xefe do Executivo colocou o Xacobeo 2021 como o seu grande proxecto para os vindeiros anos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/10/2018 | Actualizada ás 10:37

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, rematou as quendas de intervención da oposición, no Debate do Estado da Autonomía, desmerecendo a xestión do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. En concreto, sacou a colación a emigración, a "implosión demográfica" e as persoas que "optaron desesperadamente por suicidarse" ante a situación económica. "Non, non nos merecemos un goberno que provoca éxodos, implosión demográfica ou suicidios. Nin vostede, nin ninguén ten dereito a amargarnos a vida", denunciou.

Feijóo no debate do estado da autonomía 2018g
Feijóo no debate do estado da autonomía 2018g

Fronte a iso, e erixíndose en líder da oposición como segunda forza máis votada, propuxo un "novo trato cidadán baseado na xustiza social" á que sumar a PSOE e BNG, baseada en tres partes: investimentos sociais en proporcións de PIB semellantes ás de 2009, "desmercantilización" dos bens básicos esenciais para a sociedade e reforma estatuaria de carácter social.

Non en balde, Villares, que centrou boa parte da súa intervención na situación da sanidade pública, lembrou o acordo do tres forzas políticas da oposición para forzar unha comisión de investigación sobre os "recortes" en sanidade. "Somos forzas diversas, pero puxémonos de acordo ao redor da defensa da vida e a saúde da xente", remarcou.

Neste escenario, o líder da formación 'rupturista' quixo "ofrecer un novo trato cidadán". Así, quere acordar propostas de emenda aos orzamentos da Xunta para 2019 que dean unha garantía "mínima de investimentos sociais, en proporción de PIB semellantes aos dous orzamentos de 2009 en materia de igualdade e loita contra as violencias machistas, educación, benestar e sanidade".

En segundo termo, aposta por "acordar a desmercantilización dos bens básicos esenciais" para a sociedade, "impedindo" que grandes empresas, "maiormente multinacionais e fondos de investimento", fagan "negocio á conta da vida, saúde e dereitos" dos galegos.

Ana Pontón, portavoz do BNG no Parlamento
Ana Pontón, portavoz do BNG no Parlamento

A este respecto, citou o "consenso social" ao redor de varios bens: a auga, a sanidade, a educación, as pensións, a prevención e extinción de incendios e os servizos sociais. Todos estas áreas pediu sacalas do "negocio" das empresas.

E, neste escenario, pediu unha "reforma estatutaria de carácter social", ante a "obsolescencia dun estatuto de autonomía que non contempla a carta de dereitos sociais dos galegos".

BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo balance do último ano do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sintetizando a súa figura como o "'Terminator' de Galicia, xa que é o responsable de que o país sufra "emprego-insuficiente, sanidade-deteriorada, educación-recortada, pesca-reducida, agro-empobrecido, medio ambiente-contaminado, igualdade-exigua, lingua-precaria e goberno-paralizado".

É por iso que na súa quenda no Debate do Estado da Autonomía, Pontón recomendou a Feijóo darlle "un día libre ao seu chofer" para pasearse pola rúa e coñecer os problemas da xente, após o que tamén quixo lanzar unha mensaxe en positivo ao proclamar: "Outra Galicia é posible, con poder económico e poder político". "Fágame caso, señor Feijóo! Pise máis a rúa e escoite á xente", instou a dirixente nacionalista, quen con iso arrincou os aplausos dos seus deputados.

Así, a tamén portavoz nacional do Bloque lamentou o que denominou a "posverdade" de Feijóo. Como exemplo puxo o anuncio da baixada de impostos sen aclarar "cantos médicos vai suprimir ou cantos profesores deixará de contratar", ou que "se indigne polo diselazo, cando multiplicou por catro o imposto ao gasóleo".

"É postverdade que nos diga que lle quita lastres a Galicia cando incrementou a débeda un 270 por cento; é postverdade que diga que por culpa de Pedro Sánchez non hai teito de gasto: o ano pasado aprobouno e tampouco estaba aprobado polo Goberno de Rajoy", aseverou Pontón, quen lle afeou o seu "partidismo cutre".

Tamén lle reprochou a "indecencia política de dicir que a sanidade nunca estivo mellor", despois de que un home falecese no Punto de Atención Continuada (PAC) da Estrada este verán. De feito, nas súas palabras ao presidente tamén criticou a situación da sanidade, a "escabechina" en educación e as listas de espera para acceder a unha residencia pública de maiores.

No seu discurso, advertiu de que "non hai milagre Feijóo" e que Galicia "ocupa os últimos postos do Estado en recuperación de emprego, lonxe das cifras de 2009".

"É vostede un 'Terminator' para Galicia, as súas políticas son como as malas herbas que impiden que o país floreza. Por iso hoxe temos unha Galicia en precario, con salarios baixos, mentres se dispara a factura da luz, da gasolina ou do gas. O seu legado son os recortes e privatizacións dos servizos públicos", resumiu Pontón, quen acusou ao Goberno de Feijóo de estar "instalado na parálise" e de ser "un lastre para Galicia": "Vostede é parte do problema, non da solución", sentenzou.

PSdeG

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, seguiu a Pontón na quenda de intervencións. O socialista atribuíu ao presidente da Xunta unha "Galicia que vai a menos" polo seu Goberno "paralizado" e caracterizado pola "inercia e a propaganda" co "único obxectivo de gañar eleccións". "Non ten proxecto, carece dunha visión de Galicia máis aló de querer seguir no poder catro anos máis", sinalou.

Así se pronunciou no seu discurso con motivo do Debate do Estado de Autonomía, unha intervención que iniciou lembrando á figura de Castelao. "Foi un galeguista, deputado da Fronte Popular e exiliado. Non deberiamos obviar quen foi", incidiu o dirixente socialista, que citou unhas palabras do intelectual galeguista ao pronunciar "os elementos da dereita só conciben unha patria artificial, posta ao servizo dos seus intereses".

Na súa comparecencia, Leiceaga afeou ao máximo mandatario autonómico o seu "balance" e referiuse ao seu Executivo como "un surfeiro" que se "limita a aproveitar a inercia das ondas" para manterse no poder. "Que lembramos dos seus últimos 12 meses se deixamos ao carón o episodio de 'noivo á fuga' da dereita española?", cuestionou o portavoz socialísta dirixíndose ao escano do presidente, ao que preguntou se "a súa decisión de non marcharse" obedece "ao cálculo" ou "ao compromiso".

Logo de lembrarlle episodios como os incendios de outubro de 2017 nos que faleceron catro personas, a folga feminista do 8 de marzo e a morte dun home sen atención médica na PAC da Estrada, Leiceaga lamentou que a Xunta non atendese "nin á fractura social, nin á xeracional, non á de xénero ou á territorial" que o PSdeG denunciou "hai 12 meses".

"Leva gobernando dez anos, xa non pode apelar a herdanzas", asegurou o socialista, que censurou que, en demografía "Galicia segue indo a menos"; en economía hai "máis desigualdades, menos emprego e máis precariedade"; e en servizos públicos os axustes "provocaron feridas severas".

FEIJÓO

Previamente, o presidente da Xunta finalizara o seu discurso asegurando que Galicia "non é lugar de paso na historia" e, tras lembrar que o "futuro non está escrito".

"O capítulo da nova década, a Galicia do Xacobeo 21, temos que escribila todos xuntos". Concluíu así un discurso no que arremeteu contra os dirixentes "excluíntes". "Vexo con tristeza, con bochorno e con amargura o que está a pasar en Cataluña", asegurou na súa intervención, na que tamén se dirixiu a aqueles que ven que na Comunidade catalá "está o modelo a seguir" para preguntar se "buscan unha Galicia de familias divididas".

Feijóo advertiu de que "o político responsable nunca dirá 'o pobo son eu'", senón que "sempre se considerará un delegado provisional da soberanía popular". "Eu optei pola responsabilidade, a pesar de ser depositario dunha maioría popular, electoral e parlamentaria elocuente; nin dixen nin direi que Galicia son eu", expresou. É máis, advertiu: "Sorpréndeme, e mesmo me escandaliza, que outros dirixentes se arroguen unha representación exclusiva e excluínte do patriotismo nacional, autonómico ou local. Non o farei nunca".

Nos últimos minutos da súa intervención tivo palabras para a lingua propia de Galicia. "Que o galego sexa a lingua cooficial que máis se coñece e que máis se usa, non nos fai esquecernos que o gran reto pendente é promover o seu uso, especialmente entre a mocidade e no ámbito urbano", manifestou o mandatario autonómico, quen reivindicou que Castelao é tanto dos grupos da oposición como seu.

E tamén lanzou unha mensaxe á mantenta do debate lingüístico, facendo fincapé na "liberdade" e arremetendo contra os que pretenden "polarizar". "Nin aqueles que afirman que o castelán desapareceu de Galicia, nin aqueles que queren impor o galego coñecen realmente Galicia. Os galegos escribiron nestes anos de liberdade autonómica o seu propio modelo, baseado na cordialidade e na moderación", salientou.Ademais, nas últimas liñas do seu discurso, o mandatario autonómico apelou á violencia machista, un ámbito no que "é preciso seguir traballando". Tamén lembrou os nomes do tres mulleres asasinadas no que vai de ano. Feijóo pechou o debate co seu xa coñecido "Galicia, Galicia, Galicia", despois de reafirmar o seu compromiso coa Comunidade galega e ironizando con quen lle escribiron un futuro fóra dela.

Luís Villares, portavoz de En Marea no Parlamento
Luís Villares, portavoz de En Marea no Parlamento
El portavoz parlamentario del PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, en Parlamento. PSDEG
El portavoz parlamentario del PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, en Parlamento. PSDEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 comisións a tuti mundi

de qué país?