A oposición critica a Feijóo por utilizar a Cataluña e a Pedro Sánchez para non falar dos problemas de Galicia

Villares denuncia que debuxase unha "fábula" e que obviase os "recortes", Leiceaga censura o seu "optimismo" e Pontón cualifícao de "profeta da postverdade" e afastado da Galicia "real".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/10/2018 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

Foi unánime o rexeitamento dos grupos da oposición ao discurso do presidente galego durante o Debate do Estado do País . En Marea, PSdeG e BNG coincidiron en criticar a Feijóo por utilzar a Cataluña e a Pedro Sánchez para non falar dos "problemas reais" de Galicia e dos galegos.

Xoaquín Fernández Leiceaga, Luís Villares e Ana Belén Pontón
Xoaquín Fernández Leiceaga, Luís Villares e Ana Belén Pontón

Así, o portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, afeoulle que actuase como dirixente "autómata" e debuxase "unha fábula" sobre Galicia, mentres obviou os "recortes sanitarios", os catro falecidos nos incendios forestais en outubro do pasado ano ou un compromiso orzamentario para combater a violencia machista.

Para Villares, Feijóo é un "presidente ausente da realidade política e social". Así, censurou que no discurso "non se falou dos recortes que tanto preocupan á cidadanía, polo que avanzou que no discurso desta tarde, a formación rupturista "denunciará as carencias e proporá alternativas" ao Executivo autonómico.

Tamén o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, censurou o balance "optimista" que fixo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e cualificou a intervención no debate de política xeral de "continuista".

Nunha primeira valoración tras o discurso de Feijóo, Leiceaga chamou a atención sobre o "nivel de precariedade" na contratación da sanidade e puxo o acento tamén en que "non puxo vontade reformista" no ámbito do emprego, algo que criticou tamén.

UNHA VOLTA AO PASADO

Finalmente, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tachou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "profeta da postverdade" e afastado da Galicia "real", e acusouno de "reivindicarse" como "herdeiro de Alianza Popular". "Feijóo non representa o futuro, Feijóo representa o pasado", aseverou.

"Cremos que estaba fóra de lugar esta nova autoxustificación, un feito intranscendente para a vida dos galegos", manifestou Pontón, quen recomendou a Feijóo "deixar o coche oficial" e camiñar pola rúa para observar os problemas como a factura da luz, as pensións, o paro, a emigración dos mozos. "Hai unha Galicia real que non estivo presente no discurso do presidente", sinalou a dirixente nacionalista, quen ve a Feijóo un "presidente esgotado" e coas "mesmas" propostas de cada ano.

Os líderes da oposición tamén censuraron que Feijóo "non aproveitase" a súa intervención para "desautorizar" as manifestacións "machistas" de membros do seu partido, singularmente, o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, quen chamou "chacha para todo" á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta