A Galicia de Feijóo: Xacobeo 2021 fronte ao desafío de Cataluña

O presidente da Xunta despacha a situación política, social e económica de Galicia nun discurso de 45 páxinas, das que case dez estiveron relacionadas dalgún xeito con Cataluña e Pedro Sánchez. Propón só dialogar coa oposición en políticas de emprego e no Xacobeo e describe unha Galicia casi idílica cos "mellores" servizos sociais, sanitarios, educativos e emprego dos últimos anos.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 09/10/2018 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

Galicia, Galicia e Galicia”. Así rematou Feijóo o segundo Debate do Estado do País desta lexislatura, a súa terceira lexislatura. Unha frase que comeza a ser moi habitual nos seus discursos e que lembran moito aquela “miña Galicia”, coa que Fraga remataba os seus discursos. Un recurso que non oculta unha volta ao pasado dese Partido Popular do Xacobeo 93 e daquela Alianza Popular dos anos 80 cun discurso centralista e ultraconservador.

Feijóo defende o plurilingüismo diante de auxiliares de conversa
Feijóo defende o plurilingüismo diante de auxiliares de conversa | Fonte: xunta.gal

O actual presidente da Xunta fixo este xoves unha incursión no pasado e botou man daquelas bazas que nos anos 90 utilizou Fraga para asentar o seu poder en Galicia, o Xacobeo, e da que utilizou Alianza Popular nos anos 80; a loita feroz contra os nacionalistas vascos e cataláns. Esqueceuse Feijóo de falar, polo menos con certo sosego, dos problemas, das necesidades ou do futuro dos galegos para centrar o seu discurso nese Xacobeo 2021 e, especialmente, na situación actual de Cataluña e do Goberno de Pedro Sánchez.

Algo que tampouco lle pasou desapercibido aos líderes da oposición que o acusaron, precisamente, de esquencerse dos problemas dos galegos e aproveitar a sesión política máis importante do ano na Cámara galega para atacar ao Goberno central e a Cataluña.

E o certo é que Feijóo volveu, en certo xeito, ao pasado para reivindicar esa herdanza do feito por Fraga e por Rajoy e, sobre todo, para non desentonar coa liña dura iniciada polo seu sucesor ao fronte do PP, Pablo Casado.  Por iso, Feijóo, ata agora acomodado nun doble discurso que evitans a confrontación directa, non tivo problema desta volta en volver tirar desas pantasmas do pasado que utiliza o seu líder en Madrid para reclamar tamén unha nova intervención en Cataluña.

APLICACIÓN DO 155

"Non comprendemos que provoque escándalo a aplicación da Constitución no seu artigo 155, e non a insurrección permanente da Generalitat, ou os favoritismos fiscais do Goberno da Nación", dixo. E, metido na bandeira do autonomismo, insistiu nos seus ataques a Cataluña e aos partidos que non están no discurso do PP ou de C's da confrontación directa. "Aqueles que cren que aí está un modelo a seguir, pódenme explicar que é o que buscan? Buscan unha Galicia de lazos amarelos? Buscan unha Galicia de CDRs, vandalismo e violencia? Buscan unha Galicia de familias divididas e amigos enfrontados? De verdade esa é a Galicai que queren?".

O presidente galego no Parlamento de Galicia
O presidente galego no Parlamento de Galicia | Fonte: EP

Por iso, rexeitou a folla de ruta do Goberno de Pedro Sánchez que pasa por dialogar coa Generalitat e mesmo reformar a Constitución. Feijóo, como o PP de Casado e de Aznar, oponse tamén a calquera tipo de reforma constituciona. "Non conisero axeitado embarcar ao país nun proceso tan arduo sen coñecer a ruta, o destino, e a tripulación", censurou.

E tivo tempo, ademais, de remexer as turbias augas da memoria histórica, non se antes postularse como herdeiro de Castelao, o que encendeu aos deputados da oposición. E nese seu remexer criticou a decisión do Goberno central de trasladar a tumba do dictador Franco do Valle de los Caídos. "A memoria histórica non debe esquecer, en efecto, a páxina negra que supuxo a ditadura, pero tampouco que houbo unha reconciliación, que ningúen ten dereito a desfacela", engadiu nunha directa referencia a Pedro Sánchez ao que citou en varias partes da súa intervención como o que goberna "facendo que se fai".

E GALICIA?

Cataluña e Pedro Sánchez foron as principais preocupacións de Feijóo, especialmente, na parte final do seu discurso. Antes, describiu unha Galicia que avanza "segura" e que "crea emprego" e dispón dun dos "mellores" servizos públicos de Europa. "Hai menos paro, hai menos emigración, hai máis traballo e hai novas oportunidades", dixo Feijóo falando da súa "Galicia, Galicia, Galicia".

Falou o presidente galego de servizos públicos, de natalidade, de educación, de sanidade, do mar, do campo, das infraestruturas, do despoboamento, dos traballadores públicos ou do turismo. E para todo os sectores dixo ter unha reiceta que funciona desde o 2009; a do seu goberno.

E outra receita que funcionará millor; a do Xacobeo 21. Por iso xustificou a creación dunha nova consellería de Cultura e Turismo, "para facer fronte a este novo reto", porque, dixo, é unha "oportunidade histórica para amosar a cultura de Galicia. "Debemos entendelo como o que foron para Barcelona os Xogos Olímpicos ou a Expo para Sevilla", dixo. "Non é unha cuestión exclusiva de Goberno. É de país e por iso debemos deseñalo entre todos".

Foi, xunto coas políticas de emprego, a única concesión ao diálogo e ao consenso que lle fixo á oposición: falar do Xacobeo. E, para iso, propuxo crear un grupo de traballo no que os partidos políticos poidan trasladar as súas achegas. Precisamente, polo Xacobeo pasa toda a política cultural e turística da Galicia futura de Feijóo. Por iso, e pola súa loita contra Cataluña.

Feijóo no debate do estado da autonomía 2018
Feijóo no debate do estado da autonomía 2018 | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta