A Audiencia ratifica a absolución do garda civil que disparou e matou o batería dos Piratas

Ve "inviable" repetir o xuízo e non apreza valoración "irracional ou arbitraria" da proba.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 09/10/2018 | Actualizada ás 16:57

Comparte esta noticia

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra ditou sentenza na que desestima os recursos de apelación presentados pola familia do que fora batería do grupo de rock Piratas, Javier Fernández, que faleceu como consecuencia do disparo dun garda civil durante unha intervención policial na súa vivenda de Ponteareas (Pontevedra), e ratifica a absolución do axente.

Javier Fernández, batería de Los Piratas.
Javier Fernández, batería de Los Piratas.

O axente do Instituto Armado R.L.A. foi xulgado en setembro de 2017, por un suposto delito de homicidio imprudente, pero o xulgado do Penal número 2 de Pontevedra ditou sentenza absolutoria.

Nesta resolución de primeira instancia, o tribunal considerou probado que o 26 de agosto de 2015 os servizos de emerxencia acudiron ao domicilio do músico, que compartía coa súa parella e o seu bebé, alertados por un posible episodio de violencia de xénero, feito este que a súa parella sempre negou.

Cando os axentes da Garda Civil chegaron, sinala a sentenza, Javier —din os axentes— estaba alterado e agresivo (a súa familia alegou que sufría un episodio psicótico, froito dun trastorno bipolar), e nun momento determinado, armado cun tenedor e un coitelo, abalanzouse sobre os axentes, agredindo a un deles. O outro axente disparou cara a el, coa intención —segundo a súa versión— de reducilo, pero o tiro impactou no abdome do músico, que faleceu pouco despois.

O xulgado do Penal de Pontevedra estimou que o acusado pretendía protexer a súa vida e a do seu compañeiro, e que a súa intención era a de ferir a Javier Fernández, non provocarlle a morte. Por iso, ditou sentenza absolutoria, que logo foi recorrida pola familia.

RECURSO DE APELACIÓN

A Audiencia Provincial pronunciouse sobre ese recurso, que a acusación particular baseou nunha suposta vulneración de dereitos pola inadmisión de certas probas ou pola valoración das practicadas no xuízo. Así, no recurso pedíase a nulidade do proceso e a repetición do xuízo.

O órgano xudicial provincial rexeitou esas pretensións, e lembrou na súa sentenza que non se cumpren as condicións para repetir o xuízo, unha medida "excepcional", e que, neste caso concreto, é "inviable". Ademais, sinalou, unha condena en segunda instancia após unha sentenza absolutoria pode infrinxir a presunción de inocencia.

Por outra banda, a Audiencia apuntou que non hai motivos para concluír que o xulgador fixese unha valoración "irracional ou arbitraria" da proba practicada, e que, á luz da devandita proba, o acusado só tiña intención de reducir a Javier Fernández, pero o tiro desviouse e causoulle a morte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta