Villares ofrece a BNG e PSdeG un pacto baseado na xustiza social

Reivindica no Debate do Estado da Autonomía o carácter "nacional" de Galicia e reclama investimentos sociais, desmercantilizar os bens básicos e unha reforma estatutaria social. O portavoz de En Marea a Feijóo: "Non merecemos un goberno que provoca suicidios"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2018 | Actualizada ás 19:43

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, rematou as quendas de intervención da oposición, no Debate do Estado da Autonomía, desmerecendo a xestión do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. En concreto, sacou a colación a emigración, a "implosión demográfica" e as persoas que "optaron desesperadamente por suicidarse" ante a situación económica. "Non, non nos merecemos un goberno que provoca éxodos, implosión demográfica ou suicidios. Nin vostede, nin ninguén ten dereito a amargarnos a vida", denunciou.

Luís Villares, portavoz de En Marea no Parlamento
Luís Villares, portavoz de En Marea no Parlamento | Fonte: Europa Press

Fronte a iso, e erixíndose en líder da oposición como segunda forza máis votada, propuxo un "novo trato cidadán baseado na xustiza social" á que sumar a PSOE e BNG, baseada en tres partes: investimentos sociais en proporcións de PIB semellantes ás de 2009, "desmercantilización" dos bens básicos esenciais para a sociedade e reforma estatuaria de carácter social.

Non en balde, Villares, que centrou boa parte da súa intervención na situación da sanidade pública, lembrou o acordo do tres forzas políticas da oposición para forzar unha comisión de investigación sobre os "recortes" en sanidade. "Somos forzas diversas, pero puxémonos de acordo ao redor da defensa da vida e a saúde da xente", remarcou.

Neste escenario, o líder da formación 'rupturista' quixo "ofrecer un novo trato cidadán". Así, quere acordar propostas de emenda aos orzamentos da Xunta para 2019 que dean unha garantía "mínima de investimentos sociais, en proporción de PIB semellantes aos dous orzamentos de 2009 en materia de igualdade e loita contra as violencias machistas, educación, benestar e sanidade".

En segundo termo, aposta por "acordar a desmercantilización dos bens básicos esenciais" para a sociedade, "impedindo" que grandes empresas, "maiormente multinacionais e fondos de investimento", fagan "negocio á conta da vida, saúde e dereitos" dos galegos.

A este respecto, citou o "consenso social" ao redor de varios bens: a auga, a sanidade, a educación, as pensións, a prevención e extinción de incendios e os servizos sociais. Todos estas áreas pediu sacalas do "negocio" das empresas.

E, neste escenario, pediu unha "reforma estatutaria de carácter social", ante a "obsolescencia dun estatuto de autonomía que non contempla a carta de dereitos sociais dos galegos". "Queremos adquirir e compartir o compromiso de erixir en dereito social básico, con carácter vinculante fronte ao poder público autonómico, os seguintes bens: auga, acceso a unha vivenda digna e un mínimo de renda vital e de enerxía dispoñible en cada fogar", explicou.

Villares indicou que se trata de chegar a un "pacto ao redor duns valores sociais compartidos, baseados na solidariedade social, na cooperación e na sustentabilidade". "Porque non somos unha grande empresa, senón unha gran familia", salientou.

VARIAS EXPRESIÓNS RETIRADAS

A intervención de Villares, que foi seguida polo histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras desde a bancada de invitados, non estivo exenta dalgunhas frases polémicas, que foron retiradas no transcurso ou ao final do debate. Concretamente, cando aludiu aos conselleiros como "comisionistas", o que provocou as protestas desde as bancadas populares.

O resto do discurso continuou sen especiais interrupcións pero, cando finalizou, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, sacou os apuntamentos realizados. Así, pediulle que retirase a expresión na que relacionou os "chisqueiros" que prenden no monte con "amigos dos que hoxe gobernan".

Tamén lle reclamou que retirase a expresión "acosador" vinculada a Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, a de "sicarios" na CRTVG e cando dixo "será que algúns no PP senten fillos dos que dispararon a Bóveda", momento no que Villares afeaba ao presidente da Xunta o discurso que fixo na desembalaxe do cadro de Castelao 'A derradeira leición do mestre'.

O líder de En Marea tomou a palabra para que non figurasen no diario de sesións todas as cuestións que mencionou Santalices, salvo a referida a Baltar. "Pois esa retíroa eu e chámolle á orde", sentenciou o presidente da Cámara.

"GALICIA, O SEU TRAMPOLÍN"

No seu discurso, Villares puxo de manifesto que a Feijóo "non lle valeron nin o seu neoliberalismo autoritario nin a súa submisión a Madrid". "Quería vostede facer de Galicia o seu trampolín, pero na piscina non había auga, toda a auga estaba nas fotos que o relacionaban co narcotraficante Marcial Dorado", espetoulle.

O líder de En Marea atribuíu esta situación a que "na Corte non o querían porque ese pasado era bochornoso mesmo para o PP" e porque "na súa vida política ten aínda oito falecidos por Hepatite C sen enterrar", recriminou, no discurso da oposición de maior dureza verbal cara ao presidente da Xunta.

"Non, na Corte non o querían porque o PP quería fuxir do seu pasado corrupto e vostede reivindicou nesta cámara a trampa cando dixo que o seu partido se aproveitaba das zonas grises da lei para financiarse. Non eran zonas grises, do que vostede falaba era das 'augas grises' do seu partido", incidiu Villares.

Así pois, o portavoz da formación 'rupturista' concluíu que Feijóo era o único que "pensaba ser un merlo branco". "Os demais viron o corvo negro que había nos seus políticos. E se o PP non se merece un presidente así, desde logo Galicia tampouco", concluíu.

CARÁCTER "NACIONAL"

Ao longo da súa intervención, Villares sacou a "conclusión" de que os "recortes públicos" nas distintas materias que abordou no seu discurso, a "precariedade laboral e social" ocasionada por "o seu absentismo e complicidade coas estafas masivas" das grandes empresas, "causan desigualdade social, desequilibrio territorial, perda de oportunidades e sobre todo ausencia de expectativas de futuro".

"En definitiva, desesperanza. Non, Galicia non merece un presidente como vostede", reiterou Villares, quen no seu discurso reivindicou o "carácter nacional de Galicia". "Somos máis que xente, máis que territorio e paisaxe, somos unha comunidade humana", introduciu, antes de indicar que Galicia "ten conciencia de ser unha nación".

O dirixente 'ruptutista" indicou que "lamentablemente", os "ataques á autonomía política foron constantes durante estes últimos anos". "E o presidente da Xunta, no canto de defendernos, dedicouse a agochar e agachar a cabeza fronte a Madrid", apostilou.

Deste xeito, criticou "tres deslealdades": a "negación dun sistema de financiamento xusto", que permita "atender dignamente as necesidades da cidadanía"; a "falta de investimentos comprometidos para Galicia", que suman 2.300 millóns desde 2014; e as "medidas recentralizadoras", con "escusas dos principios de contención de gasto". "Valeu a pena tanta covardía política? Este presidente mudo é o que merece o noso país? Sinceramente, non", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta