De quen é Castelao?

Tensa sesión no Parlamento galego a conta da herdanza do político galeguista de esquerdas. Feijóo asegura que Castelao "tamén é del" e En Marea, PSdeG e BNG denuncian a apropiación "indigna" da súa figura.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 09/10/2018 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

"Non preciso refuxiarme en visións nostálxicas, nin apropiarme dos vellos galeguistas porque son de todos. Por poñer un exemplo de actualidade, Castelao é seu -si-, pero tamén seu, e seu e seu, e meu. É de todos os galegos". Así se refería Feijóo a Castelao dirixindose aos grupos da oposición, principalmente, a En Marea e ao BNG, durante o Debate do Estado do Pías.

Autoretrato de Castelao
Autoretrato de Castelao

Unha alusión ao galeguista tras a polémica da pasada semana durante a desembalaxe do cadro "A última leición do mestre", de Castelao, cando o presidente da Xunta dixo del que era unha homenaxe á educación pero non se referiu ao fascismo ou a Bóveda, tamén presente na obra. Unha obra que este martes dixo que se trouxo para amosarlla aos galegos. "Por iso, abrimos a exposición castelao Maxistral, para que cada cidadán teña á súa disposición. Sentímonos orgullosos de todo o que significa Castelao para todas as galegas e galegos".

Unhas verbas que volveron indignar aos integrantes da oposición, especialmente, ao BNG e a En Marea. "Señor Feijóo, os que estivemos ao seu carón durante o acto vímoslle o texto que lía, perfectamente suliñado, o que acredita que os seus silencios foron actos conscientes de manipulación da memoria do noso país. Será que algúns no PP se senten fillos dos que dispararon a Bóveda", espetoulle Luís Villares, portavoz de En Marea.

"O PP, herdeiros dos que asasinaron a Bóveda"

Unhas acusacións que caldearon o ambiente na Cámara galega con sonoras protestas dos populares que lle valeron a reprobación do presidente do Parlamento. "Como pode dicir que nós somos os herdeiros dos que asasinaron a Bóveda?", reprochoulle logo Feijóo. "Si que o son. Agúns membros do goberno de Fraga estiveron na Falanxe e saben moito dos paseados", berroulle desde o seu escano o deputado de En Marea, Davide Rodríguez.

Neste sentido, a líder do BNG, Ana Belén Pontón, foi moi dura co líder do PP. "Castelao e Bóveda entregaron a súa vida a defender este país, e fixérono porque eran nacionalistas, por amor a súa terra", dixo. "É unha ofensa moi grande a súa memoria, quehaxa un presidente que teña o descaro de intentar manipular, retorcer ou ocultar o seu legado e as ideas que eles defenderon. Queda retratada a catadura moral de quen o fai", espetoulle.

Tamén o voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, tivo palabras para Castelao. "Hoxe é reivindicado por todos, felizmente, pero foi un galeguista, deputado da Frente Popular e exiliado. Non debemos obviar o que foi. Non sei se vostede se recoñecería nesta cita de Sempre en Galiza: 'Os elementos da dereita so conciben unha patria artificial, posta ao servizo dos seus intereses", díxolle a Feijóo.

Uns tiróns de orellas que non recolleu o presidente galego. Feijóo só colleu a luva de Leiceaga. "Subscribo todo o que di, pero teña coidado porque por nomear a Castelao non vaia a ser que veñan os nacionalistas a cobrarlle dereitos de autor".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta