Por E.P. | VIGO | 10/10/2018 | Actualizada ás 19:03
O portavoz do grupo socialista no Concello de Vigo e portavoz do goberno municipal, Carlos López Font, acusou este mércores ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de ser "cómplice dos malos tratos verbais" do alcalde de Vilanova á presidenta da Deputación de Pontevedra, a tamén socialista Carmela Silva.
Font criticou que o presidente galego "ponse á beira" de Gonzalo Durán. "Agora, cando tivo que elixir, elixiu porse á beira dun difamador, con escusas mentireiras, que en ningún caso son admisibles", incidiu o concelleiro vigués, en alusión ás manifestacións de Feijóo, que recoñeceu que as palabras do rexedor de Vilanova non foron "acertadas", pero eludiu falar do seu cesamento e advertiu de que non admitía "leccións" do "concello máis bronco de Galicia".
Carlos López Font subliñou que o presidente da Xunta, coa súa actitude, "avala os insultos machistas", sen pedir as responsabilidades "que esixe a decencia política". Por iso, concluíu que é "cómplice dos malos tratos verbais" a Silva, que foi "insultada e atacada só polo feito de ser muller".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.