A candidatura de Bescansa evita alusións á confluencia con En Marea e a de Gómez-Reino pide non "diluírse" nela

A proposta da santiaguesa limítase a facer un chamamento a "traballar" cos seus "aliados", que estende á "sociedade civil".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 10/10/2018 | Actualizada ás 20:02

Comparte esta noticia

Os documentos políticos das candidaturas de Carolina Bescansa e Antón Gómez-Reino para liderar Podemos Galicia presentan diferentes visións respecto das relacións e alianzas con outras forzas políticas. Mentres na do deputado de En Marea si se fai unha aposta pola "confluencia" sen "diluírse" nos seus "instrumentos políticos", o documento de Bescansa limítase a indicar que Podemos "non pode camiñar só".

Antón Gómez-Reino
Antón Gómez-Reino | Fonte: En Marea.

Así, após vencer na madrugada do mércores o prazo de presentación de candidaturas, os documentos políticos, organizativos, éticos e de igualdade foron colgados na páxina web do proceso interno, que culminará o próximo 25 de outubro coa elección dunha nova dirección.

Deste xeito, o documento político da candidatura de Carolina Bescansa, arroupada por gran parte da dirección saínte que lideraba Carmen Santos, chama a lograr un Podemos Galicia "máis forte" para o que entenden que "non pode andar só", aínda que non menciona en ningún momento a palabra 'confluencia' nin fai referencia a alianzas con outras organizacións políticas ou partidos.

"Se queremos sacar ao Partido Popular dos concellos de Galicia e da Xunta é necesario traballar cos nosos aliados, coa sociedade civil, coas universidades, cos traballadores e traballadoras, cos autónomos e as autónomas, coas empresas, cos sindicatos e con todo o tecido asociativo galego", indica.

Xusto antes, após repasar as eleccións municipais 2015 e as xerais nas que En Marea chegou a conseguir ser segunda forza en Galicia; a candidatura de Bescansa convida a reflexionar sobre o resultado logrado nas autonómicas de 2016, nas que Podemos Galicia se presentou baixo o partido instrumental En Marea.

Carolina Bescansa nunha rolda de prensa de Podemos en 2016.
Carolina Bescansa nunha rolda de prensa de Podemos en 2016. | Fonte: EP.

"A pesar de conseguir ser a segunda forza no Parlamento o resultado foi distinto, sendo preciso analizar e ser críticas con nós mesmas para saber cales foron os motivos, aprender deles, mellorar e crecer", apunta o documento da candidatura de Bescansa, 'EuAmoFuturoParaGalicia'.

En 2016, a compostelá participou nas negociacións de Podemos Galicia para concorrer xunto a En Marea ás eleccións. No último momento, cando todo indicaba que o partido morado se presentaría en solitario aos comicios, a intervención do líder de Podemos, Pablo Iglesias, desbloqueou a situación e, finalmente, Podemos Galicia integrouse no partido instrumental en contra da postura que defendía a dirección galega.

E é que o equipo de Carmen Santos celebrara días antes unha consulta entre os seus inscritos na que resultou vencedora a opción de concorrer en "confluencia" con En Marea, pero en formato de coalición. Desde entón, a dirección política de Podemos Galicia, que acompaña agora a Bescansa, evitou participar activamente en En Marea. Carmen Santos mesmo chegou a dar por "fracasado" o partido instrumental e, en varias ocasións, defendeu que Podemos Galicia non se diluirá no que cualifica como "partido único", en referencia a En Marea.

CANDIDATURA GÓMEZ-REINO

Por contra, a candidatura de Gómez-Reino si se mostra partidaria de maneira explícita da "confluencia" con outras forzas e, á súa vez e sen mencionar En Marea, tamén remarca que o partido non debe "diluírse" nos "instrumentos políticos da confluencia".

"Existe un falso debate sobre o papel de Podemos nas confluencias, onde as únicas opcións serían ou ben enfrontarse aos outros sectores —forzas políticas, sociais, persoas...— da unidade popular ou ben diluírse nos instrumentos políticos da confluencia. Pois dicimos que non, calquera desas alternativas é mala para o cambio político en Galicia e mala para Podemos", indica o texto do documento político titulado '+Podemos'.

Por iso, chaman a superar un "Podemos pasivo permanente á defensiva", definido como un partido que mantén loitas internas e, á súa vez, "enfróntase cos seus aliados estratéxicos". Así as cousas, defenden que existe "un mandato das bases" que é "claro" e que pase pola "unidade de Podemos" e pola aposta pola "unidade popular".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Polo menos aquí podemos ver as caras da xente... non coma noutros conciliabulos nos que niguén sabe quen anda por detrás movendo os fíos ? https://ac3-galicia.podemos.info/vo...