As zonas co mellor clima para vivir en Galicia están nas Rías Baixas e nas Terras do Bolo

Estas áreas están arredor das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, así como os concellos do Baixo Miño entre Tui e A Guarda, ademais das Terras do Bolo e do Val do Bibei na provincia de Ourense.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/10/2018 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

Así o conclúen o profesor de Xeografía Física da Universidade de Santiago de Compostela, Alberto Martí, e o xeógrafo e climatólogo Damián Caballero, no marco dun estudo no que realizaron 700 enquisas en Galicia para demostrar o clima ideal para a maioría dos galegos. Conforme aos datos solicitados, extraen que o clima ideal sería aquel con veráns con temperaturas suaves, moitas horas de sol e poucos días de choiva, invernos suaves e ventos frouxos ou escasos, así como unha humidade media/baixa.

Praia de Rodas, nas Illas Cíes. Europa Press - Archivo
Praia de Rodas, nas Illas Cíes. Europa Press - Archivo | Fonte: Europa Press

Estas preferencias, xunto coas condicións climáticas reais de Galicia, lévanos a establecer os espazos con maior aptitude climática para vivir. No caso dos situados na provincia de Pontevedra, os autores explican que "a proximidade ao océano favorece a moderación das temperaturas durante todo o ano e ambientes suaves tanto no verán como no inverno, ademais dunha maior insolación".

Pero tamén, na provincia de Ourense, as Terras do Bolo e do Val do Bibei, así como algunhas zonas de mediana altitude da Baixa Limia son destacadas positivamente neste ranking debido a unha elevada insolación, menor número de días de choiva e veráns con temperaturas máximas suaves, polo efecto da altitude.

LUGARES CON MENOR APTITUDE CLIMÁTICA

No outro extremo, os lugares con menor aptitude climática para os galegos son as áreas de montaña, xa sexa pola súa elevada altitude, como ocorre na Serra dos Ancares, Macizo de Trevinca ou Cabeza de Manzaneda, ou ben pola súa posición setentrional, como as serras do norte das provincias de Lugo e A Coruña (Faladoira, Xistral, Lourenzá ou Meira). Estes espazos de montaña teñen ambientes máis extremos, recolle o estudo do que informa a USC, con nebulosidade abundante e un menor número de horas de sol, máis días de precipitación e invernos moi fríos, xunto con veráns frescos.

A maior parte do interior de Galicia presenta uns valores de aptitude climática intermedios. Nuns casos debido á maior frecuencia de días de precipitación, á menor insolación e ás temperaturas invernais baixas ou moi baixas, como sucede no interior das provincias da Coruña e Lugo. Noutros casos, como consecuencia de valores térmicos extremos tanto no inverno como, sobre todo, no verán, como sucede nas depresións interiores de Monforte, Verín e Ourense, o val do río Miño ao seu paso polas comarcas do Ribeiro, Paradanta e Condado, o val do río Sil en Valdeorras ou o do Tea ao sur da provincia de Pontevedra, onde os veráns adoitan ser moi calorosos.

DIFERENTES RESPOSTAS EN FUNCIÓN DE IDADE E XÉNERO

Os autores do estudo expoñen que nas respostas á enquisa observáronse distintas opinións en función do xénero, a idade ou a residencia. Así, indícase que as mulleres, a poboación urbana e a de costa prefiren poucos días de choiva. A poboación masculina do medio rural e do interior mostra preferencia por invernos fríos, mentres que as mulleres e as persoas de máis de 70 anos inclínanse por invernos suaves.

Ademais, os veráns cálidos ou calorosos son máis desexados pola poboación urbana, nunha opción que non elixiu ningún maior de 70 anos, "seguramente polos efectos prexudiciais das altas temperaturas sobre a saúde", matizan os investigadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta