Sete pianos estarán distribuídos nas rúas de Santiago este sábado para calquera interesado en tocalos

A iniciativa está impulsada pola Fundación Jesús Serra e o Concurso María Canals

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2018 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

Santiago de Compostela contará durante todo este sábado con sete pianos de concerto distribuídos polo centro histórico da cidade, no marco dunha iniciativa para promover a divulgación e a práctica da música impulsada pola Fundación Jesús Serra e que chega por primeira vez a Galicia.

Piano na Praza do Obradoiro
Piano na Praza do Obradoiro | Fonte: Europa Press

Desde as 11,00 até as 20,00 horas os pianos estarán colocados, para o uso de calquera persoa interesada e de calquera idade, na Praza do Obradoiro, nas Prazas de Cervantes, Quintana e Praterías, nas Rúas Nova e do Vilar e no palco da música da Alameda.

A iniciativa, organizada pola Fundación e o Concurso Internacional de Música María Canals, ten o obxectivo de divulgar e animar á xente a participar para achegarse ao instrumento do piano.

"Para Santiago acoller este tipo de iniciativas é un pracer e casa moi ben coas liñas de políticas culturais que se desenvolveron historicamente en Compostela, que é unir o patrimonial co artístico e cultural no centro histórico", explicou Xaquín López, xerente do Auditorio de Galicia.

Santiago de Compostela sumouse así a outras cidades españolas, como Cádiz, Sevilla, Salamanca, Toledo, Madrid, Barcelona, Valencia ou Málaga, que acolleron esta actividade nos últimos anos, nunha iniciativa que sempre "ten moi boa acollida" e que permite que preto de 300 persoas de media toquen cada un dos pianos cada día.

Laura Halpern, directora da Fundación, pon en valor así a importancia de 'Pianos na rúa', que xurdiu despois do acordo co premio internacional, coa idea de "sacar á rúa o Concurso e o piano en xeral" e que permite a afeccionados, pero tamén a estudantes ou profesionais, tocar pianos de gran cola e outros de tres cuartos que só adoitan estar dispoñibles en espazos de concerto.

O piano situado no Obradoiro xa contou á primeira hora da mañá coa presenza do pianista da Estrada, Javier Otero, e do novo estudante Alejandro Rodríguez, ademais do propio Xaquín López e a directora da Fundación, Laura Helpern.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta