Temas: PSDEG A CORUñA

José Manuel García, portavoz municipal do PSOE na Coruña, anuncia a súa candidatura ás primarias locais

José Manuel García Pérez, actual portavoz do grupo municipal do PSOE na Coruña, anunciou que se presentará ás eleccións primarias locais co obxectivo de ser elixido candidato para os comicios que se celebrarán en maio do próximo ano.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2018 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

Tras o anuncio realizado na mañá deste sábado nunha rolda de prensa, José Manuel García convértese no primeiro candidato que anuncia a súa decisión de optar ás primarias na Coruña, co obxectivo de recuperar a alcaldía que os socialistas ostentaran desde 1983 até 2011, e que lles foi arrebatada primeiro polo PP (2011) e despois pola Marea Atlántica (2015).

José Manuel García Pérez, portavoz municipal PSdeG A Coruña. CEDIDA
José Manuel García Pérez, portavoz municipal PSdeG A Coruña. CEDIDA | Fonte: Europa Press

En declaracións a Europa Press, José Manuel García explicou que o anuncio se produce despois de terllo comunicado á Executiva do Partido Socialista de Galicia, que lidera como secretario xeral Gonzalo Caballero, e que celebrará de forma simultánea as súas primarias para elixir candidato á Xunta.

José Manuel García quixo deixar claro, en primeiro lugar, que aínda que é o portavoz municipal diferenciará "o posto de concelleiro e portavoz co proceso interno de primarias", posto que a súa "vocación" "é a da unidade do partido".

Considera que A Coruña "está a esperar un Partido Socialista unido" e cre que o PSOE ten "moitas posibilidades de volver gobernar, despois de oito anos de penitencia". "Temos o proxecto que a cidade necesita para recuperar o impulso que a cidade necesita", engade.

José Manuel García propón unha "candidatura con perspectiva construtiva na que todos suman", e avanza que "o partido é capaz de construír unha candidatura gañadora, ten cantidade de valores, ganas de facer política" e "o peso que necesita para que a cidade volva confiar nel e liderar a cidade desde María Pita".

O Partido Socialista conta na actualidade con 6 concelleiros na corporación coruñesa na que goberna Marea Atlántica, con 10 edís, e que se completa con outros 10 do PP e 1 do BNG.

Conforme o calendario aprobado polo PSOE, o prazo de presentación de precandidaturas para os concellos nos que se celebren primarias estará aberto até o 22 de outubro. O prazo para recoller avais será do 26 de outubro ao 5 de novembro, con campaña interna até o sábado 17 e votación o domingo 18 en primeira volta e, en caso de ser necesario, tamén o 25 en segunda volta.

Temas: PSDEG A CORUñA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

algúns levamos 12 anos de PENITENCIA (tres con maioría absoluta do PSOE) http://www.noticiasvigo.es/seccion/...