A Xunta leva destinados 3,2 millóns de euros en propaganda nos últimos tres meses

Este investimento en publicidade nos grandes medios de comunicación producese a pouco máis de seis meses dunhas eleccións municipais. A última remesa chega por parte de Turismo de Galicia; 1,5 millóns de euros para a "promoción turística de Galicia durante o outono".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/10/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Turismo, gastronomía, política forestal, consumo de peixe, plans económicos ou diferentes días (Día dos animais, Día da Natalidade, Día da Violencia de Xénero...). A Xunta aproveita calquera das súas consellerías e departamentos para destinar centos de milleiros de euros aos grandes medios de comunicación. Un fluxo económico que, ademais, aumenta a medida que remata o ano e se aproximan as eleccións municipais.

De feito, é tal este fluxo que nos últimos tres meses o Goberno de Feijóo leva destinados máis de 3,2 millóns de euros en distintas campañas publicitaria das que este medio teña constancia xa que é probable que se teñan executadas outras campañas. A última delas, unha nova contratación en medios para a campaña de promoción turística de Galicia durante o outono. En total, 1,5 millóns de euros con IVE.

Esta campaña entra dentro contrato derivado do acordo marco do servizo de elaboración, produción e plan de medios da campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia durante 2018. Un plan de propaganda dotado con máis de 8,2 millóns de euros. Unhas partidas que aumentaron en dous millóns con respecto ao 2017 e que serán xestionadas por 11 empresas publicitarias diferente.

A ESCUSA DO XACOBEO

O Goberno galego xa xustificou este significativo incremento aludindo ao aumento do turismo en Galicia “tendo en conta que estamos ás portas  da celebración do Xacobeo 2021”, indicaba no prego de conducións. Así, suliñaba que, tendo en conta a promoción turística na súa dimensión vacacional, gastronómica, natural e cultural, así como o propio Camiño de Santiago, “faise necesario poñer en marcha unha serie de instrumentos entre os cales destaca unha campaña de promoción de Galicia como destino vacacional, de peregrinación e de estancias breves, tanto na época estival como en fins de semana e pontes”.

Parte deses 8,2 millóns xa se gastaron durante o verán con dúas campañas diferentes, co obxectivo de ofrecer, a través dos medios, unha imaxe de Galicia de “bo trato aos turistas que visitan a nosa comunidade durante o período estival”.

OUTRAS CAMPAÑAS

A finais de agosto dispararonse tamén a contratación de campañas. Política Social gastaba 250.000 euros nunha nova campaña para "accións divulgativas e información vencellada ao fomento da natalidade nos medios de comunicación". En total, no que vai de ano xa se destinaron para este fin medio millón de euros.

Tamén a final dese mes a Consellería de Facenda sacaba a concurso case 1,2 millóns de euros (con IVE) en dúas campañas financiadas case na súa totalidade con fondos da UE. Tratábase de dúas campañas de "promoción dos servizos públicos galegos". Unha do Programa Operativo FEDER "Unha maneira de facer Europa", financiada a cargo deste programa Galicia 2014-2010 nun 80% e a outra do Programa Operativo Fondo Social Europeo (FSE) "inviste no teu futuro", tamén financiada nun 80% a cargo do FES de Galicia 2014-2020. O outro 20% será aportado con fondos públicos galegos.

En setembro tamén houbo novas campañas que sumaron 365.000 euros. Así se anunciaba unha nova campaña da Consellería de Pesca para fomentar o consumo de produtos do mar entre a poboación xuvenil por valor de 242.000 euros.

Esta é a sexta campaña publicitaria que leva a cabo esta consellería que nos últimos meses destinou milleiros de euros para a realización de numerosas campañas de promoción de peixes entre distintos segmentos de poboación. Entre elas están “mar Achega”, “o sabor da aventura está no mar”, “Ponlle as pilas ao teu bocata” e a difusión de marcas como “PescadeRía ¿de onde se non?”, “Mexillón de Galicia” ou mesmo determinados produtos coma o polbo ou o bonito.

Finalmente, a Secretaría Xeral de Medios tamén contratou unha campaña o 4 de outubro, Día Internacional dos Animais, por valor de 123.440 euros. Un diñeiro que vai destinado íntegramente aos medios de comunicación tradicional, é dicir, La Voz, Faro de Vigo e os distintos medios e emisoras provinciais.

COINCIDENCIA COAS MUNICIPAIS

Estaa campaña realizaranse nos meses que quedan do 2018 e boa parte dos de 2019. Precisamente, na primaveira do vindeiro ano están previstas eleccións municipais que poden mudar boa parte do panorama político galego xa que o PP quere “reconquistar” as deputacións de Lugo, Pontevedra e A Coruña.

Prensa e poder. Centos de millóns ameazan a liberdade dos xornais', titulaba a revista Galicia Internacional en 1996. Dezasete anos despois o sistema de reparto segue a ser o mesmo
Prensa e poder. Centos de millóns ameazan a liberdade dos xornais', titulaba a revista Galicia Internacional en 1996. Dezasete anos despois o sistema de reparto segue a ser o mesmo | Fonte: Sotelo Blanco Edicións

Cabeceiras de xornais galegos
Cabeceiras de xornais galegos
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

1 Gamela

Canto pode costar inserir un anuncio durante 15 días na cabeceira dos medios subvencionados que diga: Este xornal está subvencionado pola Xunta de Galicia - Non pagues dúas veces ! Cando teñamos o orzamento detallado podemos enviarllo á Comisión Europea para que abone o 80% da campaña en Defensa da Liberdade de Información !!! http://gamela00.blogspot.com/2010/0...