O director xeral de construción de Adif non se pronuncia sobre o exresponsable investigado polo accidente de Angrois

Juan Pablo Villanueva visitou as obras do AVE a Galicia co delegado do Goberno na provincia de Ourense.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2018 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

O exdirector de seguridade na circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, está investigado na causa polo accidente do tren Alvia en Angrois (Santiago) en xullo de 2013. Actualmente este exresponsable de seguridade está nun posto de libre designación na mesma entidade. Cortabitarte, ao que o maxistrado do xulgado número 3 atribúe 80 supostos delitos de homicidio e 144 de lesións por imprudencia profesional grave, comparecerá este mércores no Congreso dos Deputados na próxima sesión da comisión que investiga o sinistro.

Villanueva Adif
Villanueva Adif | Fonte: Europa Press

Responsable de seguridade de Adif de 2006 a 2013, durante ese período producíronse momentos clave como o cambio de proxecto da liña Ourense-Santiago en 2010, que reduciu o ámbito de actuación do sistema de control constante de velocidade ERTMS até o quilómetro 80, de modo que non estaba presente na curva da Grandeira, onde descarrilou o convoi.

En 2011, este tramo foi inaugurado e, en 2012, autorizouse a desconexión do ERTMS embarcado. Dous meses antes da traxedia, ocorrida o 24 de xullo de 2013, Andrés Cortabitarte foi destituído do cargo de seguridade para ser nomeado subdirector de innovación e desenvolvemento tecnolóxico, dependente da dirección xeral de explotación e construción.

No último organigrama, previo ao nomeamento de Isabel Pardo de Vera como presidenta de Adif, o exdirector de seguridade da entidade fora recolocado pola empresa nunha subdirección de nova creación, a de xestión loxística de aprovisionamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta