A maioría dos concellos galegos presentou os números do exercicio 2016 ante o Tribunal de Contas en 2017

Os outros 29 municipios de Galicia fixérono entre o 1 de xaneiro e o 23 de setembro de 2018.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2018 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

Un total de 275 municipios dos 314 (aínda non se fusionou Cerdedo e Cotobade) fixeron o trámite no tempo que se require e como máximo ao finalizar ese exercicio.  No conxunto do Estado, a porcentaxe de rendición de contas xerais do exercicio 2016 dos concellos foi do 80 por cento de media para o conxunto das Comunidades autónomas, o que corresponde co 79% da poboación.

Concello de Vila de Cruces
Concello de Vila de Cruces | Fonte: Wikipedia

Galicia sitúase entre as dez comunidades autónomas con valores superiores á media de rendición. Concretamente foron: Aragón e a Comunitat Valenciana, ambos cun 94%; Canarias e A Rioxa, cun 92%; Galicia, co 91%; a Comunidade de Madrid, cun 90%; o Principado de Asturias e as Illes Balears, co 87%; Cataluña, co 84%; e Castela e León, que rexistrou un 83%. O nivel máis baixo de rendición deuse nas Comunidades Autónomas de Andalucía na que non se alcanzou o 50% a 31 de decembro de 2017; mentres que Castela-A Mancha quedou no 68% e Rexión de Murcia, no 67%. Nas Comunidades Autónomas de Cantabria e Estremadura déronse niveis de rendición moi próximos á media, cun 79% e 78% respectivamente.

GALICIA MELLOROU UN PUNTO

Con respecto ao ano anterior, Galicia mellorou un punto a porcentaxe de rendición de contas en prazo. Entre as maiores variacións sitúanse os 12 puntos de Andalucía, que chegou ao 47% e o nove de Illes Balears, que chegou ao 87%.

Tamén melloran os niveis de rendición as Comunidades Autónomas de Cantabria, Comunitat Valenciana e Comunidade de Madrid en catro punto (que chegan ao 79%, 94% e 90%, respectivamente): incrementouse en tres puntos o nivel de rendición en Canarias, que alcanza o 92%, e na Rexión de Murcia, cun 67%. Aumentou dous puntos en Castela-A Mancha, que chegou ao 68%, e un punto Castela e León, Galicia e A Rioxa, cun 83%, 91% e 92%, respectivamente.

CONCELLOS QUE O ENVIARON DESPOIS

Con todo, aínda que o 91% dos concellos cumprira co requisito ao finalizar 2017, a totalidade de municipios galegos acabou rendendo contas ao longo de 2018. De entre eles, dous correspóndense co grupo de sete cidades máis importantes: Lugo e Ferrol.

Por provincias, na Coruña renderon contas os seguintes concellos até o 23 de setembro de 2018: Cerceda, Coristanco, Ferrol, Negreira, Ponteceso, Porto do Son, Rois, Sada e Val do Dubra. En Lugo: Antas de Ulla, Baleira, Cospeito, Lugo, Quiroga, Ribas de Sil, Sarria e Sober. Pola súa banda, en Ourense renderon máis tarde os seguintes concellos: A Pobra de Trives, Melón e Verín. Mentres, en Pontevedra son: A Cañiza, A Illa de Arousa, Caldas de Reis, Cangas, Cerdedo, Cotobade, Nigrán, Ponte Caldelas e Salvaterra de Miño.

TOTAL DE ENTIDADES LOCAIS

Se se toma como referencia o conxunto das entidades locais con obrigación de render contas (exceptuando País Vasco e Comunidade Foral de Navarra), a porcentaxe para o exercicio 2016 (atendendo aos prazos establecidos) foi, de media, do 61%, pasando a ser do 76% a data do 31 de decembro de 2017. Só cinco comunidades presentaron niveis inferiores á media: Andalucía, 31 puntos menos que a media; 18 puntos por baixo Canarias, sete menos Cantabria; e 21 por baixo Castela-A Mancha e Rexión de Murcia.

No lado alto da táboa, os maiores niveis de rendición en prazo producíronse na Comunitat Valenciana e o Principado de Asturias, cun 78%, é dicir, 17 puntos por encima da media. Finalmente, na Rioxa foi do 77%; en Aragón, alcanzouse o 76%; e Galicia, un 73%. O resto das comunidades autónomas presentaron valores máis próximos á media: Illes Balears, un 68%, Cataluña, un 66%; e un 64% en Castela e León, Estremadura e a Comunidade de Madrid.

ENTES DEPENDENTES ADSCRITOS

En canto aos entes dependentes e adscritos ás entidades locais, Andalucía rexistrou un nivel de rendición das súas entidades dependentes e adscritas "significativamente máis baixo" que o resto de comunidades, alcanzando un 38% de rendición a 31 de decembro de 2017, seguida pola Comunidade Autónoma de Estremadura, cun 58%.

As do resto de comunidades autónomas, fóra da Rioxa (67%), Cantabria (68%) e Illes Balears e Castela-A Mancha (69% en ambos os casos), situáronse en niveis de rendición superiores ao 70%. Doutra banda, a 31 de decembro de 2017, había no conxunto do Estado un total de 656 entidades que non renderan contas nos anos 2014, 2015 e 2016. Con todo, Galicia sitúase na parte baixa da táboa e só supuña o 1% deste total de concellos, o 2% do conxunto de entidades locais da Comunidade galega.

ENTIDADES LOCAIS

No total de entidades locais, o menor grao de rendición a 31 de decembro de 2017 correspondíase ás entidades locais de Andalucía, cun 45% (once puntos por encima do nivel de 2015). Pola súa banda, en Galicia --do mesmo xeito que en Canarias, Illes Balears e A Rioxa-- foi do 87% a esa data, aínda que antes de que finalizase o prazo legal era do 73%, cun atraso medio de 40 días, segundo figura no informe do Tribunal de Contas.

O órgano fiscalizador observa un alto nivel de rendición de contas da Comunidade de Aragón, a decembro de 2017, algo que "está claramente vinculado" á aprobación dunha lei que vinculou a recepción de axudas co cumprimento da obrigación de render contas. Unha lexislación coa que, de feito, xa conta a Comunidade galega e que xa condicionaba en 2016 a concesión de subvencións ou a retención de pagos. O Tribunal de Contas sinala que a "efectividade deste tipo de medidas revélase no impacto inmediato" que ten no índice de rendición e no "notable incremento" con respecto a anos anteriores cando estas medidas se aplican.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta