Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/10/2018 | Actualizada ás 13:57
600 millóns de euros. Ese é o negocio das compañías madeireiras en Galicia o pasado ano. Un negocio que vai a máis tras o interese das grandes empresas forestais de Portugal por mercar a madeira no noso país tras as fortes limitacións que existen en Portugal a especies como o eucalipto logo das traxedias incenciarias acontecidas o pasado ano.
De feito, a industria portuguesa que usa madeira na súa produción continúa a ser a mellor clienta do sector en Galicia. Actualmente, o 25% da madeira galega acaba no país veciño. Unhas exportacións que van a máis. No primeiro semestre do ano, as exportacións creceron 7,2%. Portugal é o primeiro destino das exportacións galegas, con case un cuarto do total exportado. Logo está Francia (10,8%), Alemaña (8,2%), Polonia (5,5%), Holanda (5,3%), Reino Unido (5,1%), Italia (4,7%), Marrocos (4,7%), Turquía (4,2%) e, finalmente, Irlanda (2,7%).
En Galicia, o sector forestal supón xa o 3,5% do PIB e nel traballan preto de 3.000 empresas que aseguran aproximadamente 80.000 empregos. Un sector que a Xunta anuncia que crecerá co novo Plan Forestal que prevé unha nova ordenación do monte á que se opoñen os partidos da oposición.
E a onde vai a madeira galega?. A maior parte dela para a industria da celulosa xa que o gran mercado portugués dos mobles está en crise. E, mentres, o crecemento da industria da celulosa no país luso está xa por riba do 10%.
THE NAVIGATOR COMPANY
E neste interese pola madeira galega ten moito que ver The Navigator Company, anteriormente coñecida como Grupo Portucel Soporcel, que xa se comezou a instalar en Galicia coa intención de adquirir grandes plantacións para nutrir as súas industrias portuguesas,
A reforma portuguesa da lei forestal recolle a prohibición de plantacións de eucalipto até o ano 2030 e só outorgará permisos en casos de "transplantes de áreas que están ecoloxicamente mal localizadas e que non son economicamente rendibles". Estas restricións levaron ao gran xigante portugués da pasta de papel a "ollar para outras fontes de floresta e de madeira fóra de Portugal, diferentes das que hoxe utiliza”. "E unha base forte está en Galicia”, indicaran fontes da empresa.
POLÉMICA
Os plans da empresa portuguesa xeraron gran polémica e preocupación en Galicia, tamén azoutada polos incendios forestais e por un tenso debate público sobre as explotacións de eucalipto no noso país e as políticas forestais da Xunta.
A aprobación da modificación da normativa que regula a realización de cortas de madeira por parte da Consellaría de Medio Rural provocou grandes críticas entre diferentes sectores. En Marea e BNG opuxeronse radicalmente e entidades como a Asemblea contra a Eucaliptización denunciou que a Xunta acelerou os permisos de cortas de eucaliptos para favorecer a multinacionais, nomeadamente, as que están asentadas en Portugal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.