O BNG quedará sen voz no debate estatal sobre o traspaso da AP-9

O Parlamento designará no próximo pleno aos tres deputados que defenderán no Congreso o traspaso da AP-9. Os nacionalista, ao ser minoritarios na Cámara, poderán quedar fóra agás pacto de última hora.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/10/2018 | Actualizada ás 15:55

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia designará no pleno da próxima semana aos tres deputados autonómicos que defenderán no Congreso a proposición de lei que, coa unanimidade do catro grupos representados no Pazo do Hórreo, reivindicará o traspaso a Galicia da Autoestrada do Atlántico (AP-9).

Autoestrada AP-9. Europa Press
Autoestrada AP-9. Europa Press | Fonte: Europa Press

En concreto, a iniciativa --que iniciou o seu periplo en 2016-- podería debaterse en Madrid xa en novembro e inclúe non só a transferencia da titularidade desta vía que vertebra Galicia de norte a sur, senón tamén a posibilidade de que sexa rescatada con diñeiro público.

Con todo, nun dos seus posicionamentos conxuntos do recente Debate sobre o Estado da Autonomía, PPdeG e PSdeG limitaron a súa demanda á petición de traspaso. Fronte a En Marea e BNG, que inciden no rescate, socialistas e populares xa restaran valor ao texto inicial da proposta, xa que esta podería ser modificada ao longo da súa tramitación se vai adiante.

Nesta conxuntura, a Cámara designará aos seus tres representantes para ir a Madrid. Antes, os grupos terán que presentar nos próximos días as súas propostas. A maioría absoluta garante un ao PPdeG e o seu portavoz, Pedro Puy, incidiu na Xunta de Portavoces celebrada este martes, en que "deixará os outros dous á oposición".

Pola súa banda, en declaracións a Europa Press ao termo do encontro do órgano que fixa a orde do día do pleno, tanto En Marea como PSdeG e BNG reivindicaron que queren "estar" en Madrid, aínda que todo apunta que --salvo pacto político inesperado-- o BNG, o grupo con menos deputados no Pazo do Hórreo, quedará sen voz neste debate.

O DISTINTO PANORAMA DE 2016

O panorama en 2016 era distinto, dado que, aínda que nas urnas o Bloque quedara como cuarta forza, as escisións de AGE (semente da agora En Marea), o encumbraron a terceiro grupo con máis deputados na Cámara galega.

Así, a delegación escollida en marzo de 2016 estaba composta por Jesús Goldar (PPdeG), Raúl Fernández (PSdeG) e Ana Pontón (BNG). Agora, con todo, ao volver elixirse que tres deputados representarán a postura unánime da Cámara, a situación será previsiblemente distinta.

E é que fontes do Parlamento, consultadas por Europa Press, ratificaron que a designación da delegación é válida para a Lexislatura autonómica na que esta se produce. Coa constitución dunha nova --explican-- a designación anterior perde validez, polo que debe efectuarse unha nova nova. Engade que esta renovación pode efectuarse ao arranque da lexislatura ou iniciada esta.

"ABRIREMOS UN PROCESO DE DIÁLOGO"

En todo caso, a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, reivindicou, en declaracións a Europa Press, que a formación nacionalista prevé "abrir un proceso de diálogo" ao longo desta semana para defender "o seu dereito" a "ter voz" no debate que terá lugar en Madrid.

"Se non se quere modificar, o regulamento da Cámara sinala que teñen que ser tres os representantes. Pero non consideramos que sexa admisible que o BNG, unha forza que deu unha batalla enorme e que impulsou a iniciativa que é a base do que se vai a defender, quede fóra", advertiu.

"Sen menosprezar a ninguén, somos o grupo que máis pelexou e insistiu, gañámonos con suor estar", esgrimiu a viceportavoz nacionalista, quen, preguntada acerca de se chegou a expor na Xunta de Portavoces algunha proposta alternativa para reverter esta situación, remitiu aos pasos que poidan dar nos próximos días. "Temos unha semana", recalcou.

TANTO EN MAREA COMO PSDEG PREVÉN "ESTAR"

Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, avanzou que "evidentemente" o seu grupo proporá a un deputado para ir a Madrid --previsiblemente será Antón Sánchez--. "En Marea levou o tema no Parlamento como o resto e tamén no Congreso, así que a súa voz está perfectamente autorizada após este percorrido coherente até o final", reivindicou.

Tamén o PSdeG quere "estar" no debate no Congreso. Niso incidiu o seu portavoz na Cámara, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen non contempla outra opción. "Nós imos estar", aseverou, antes de explicar que se trata, ademais, de "convencer a aqueles que teñen presenza no Congreso" --os nacionalistas galegos non teñen representación na Cámara baixa-- de que apoien a reivindicación do traspaso.

Neste sentido, avanzou que o PSdeG "fará un esforzo" para convencer ao grupo dos socialistas, segunda forza na Cámara baixa, para que apoie a petición unánime do Parlamento autonómico sobre a AP-9.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

4 Volvo

Polo que sexa, a xente non quere ao BNG. Cando sacou 40.000 votos nas xerais cun candidato excepcional como Carlos Callón foi un golpe moi duro. Eses votos non os saca nin Ciudadanos na Galiza cando se presente. Hai algo moi fondo que non vai. Suponho que entre outras cousas os partidos satélites como NÓS, CAUSA GALIZA, centros culturais, etc meten medo ynha gran parte da sociedade. Aparte que non deixan de ser provincianos ata a médula. Forman parte do país real. E o país real é moi limitado. Moito. Mágoa de Ana Pontón e algún máis. Vivín na contorna Sarria algúns anos. Era un povo, como a meirande parte do país, fondamente clasista e moi provinciano. Mágoa de Ana Pontón. Mágoa de Carlos Callón. Mágoa de país. Magoa que no BNG tamén estea moi representado ese provincianismo que é moi do país.

3 anonimo

Só dicirlle aos compañeiros parlamentarios, que a vosa dignidade, está a anos luz dos peperos, dos ppsoes e por suposto,dos renovadores e salvadores da patria os podemitas. E os de Anova, iban revolucionar o país. Estaba claro no BNG non tiñas protagonismo e buscarono reventando o noso PARTIDO

1 arredista

O voso PARTIDO reventouno a cúpula UPeGalla sometendo unha organización de masas de 5.000 militantes ás derivas rexionalistas e socioliberais dos 20 coroneis de sempre. E iso non o din só os de Anova, iso xa o dixeron anteriormente os que se chamaban Movemento pola Base e que agora son MGS.

2 Asesores pedófilos non

Que o defenda Procesiones, a do tren de Burgos prioritario.

1 Xanc

O BNG leva anos pedindo o traspaso da AP9, ten militantes nos xulgados polas manifestacións en Rande, polas campañas para pagar as peaxes con céntimos... E agora, os que levan anos de silencio en Madrid (Podemos/Marea/PSOE) únense ao PP e deixan ao Bloque de lado. En fin ...! A nova política que ía cambialo todo... E despois quer Martiño Noriega pactos co Bloque... Empecen por recoñecer o traballo do nacionalismo Galego

1 sermos mantidos

A nova política xa era! Agora yamén son casta! Mais, tampouco tragamos sapos: se os da navallada á nosa Terra non querían autoestrada! E pactan co PsoE, léase traballan para os madrileños, logo xa nos defenden igual os da metrópole que a marca branca! E, por favor, a exclusiva do nacionalismo galego non a posúe o BNG!

2 Bernal Calvo Delaciga

O voso vitimismo xa aburre. Gobernáchedes a Xunta entre 2005 e 2009 e non vos acordou nin a AP9, nin a tarifa eléctrica, nin ENCE, nin nada. Acordouvos, porén, especular con Massó e Reganoxo, ou pillar cacho nas Carrumeiro, Pokemon... Agora lle botades a culpa aos demais polo voso esmorecemento e desaparición. A chorar a Cangas.

3 unmais

Non te preocupes a xente non é parva e ben ve o que fai cada quen, em primeiro lugar das alcaldias que teñan van perder parte delas, que por desgraza voltaran ao PP, en segundo lugar só hai que ver quen foi a mais valorada no debate do estado da autonomia. Pouco lles queda aos mareados, cando fagan o ridiculo nas eleccions van a comezar as navalladas entre eles