Teimando a favor do urxente e necesario

“Hai que poñer o sangue tercamente,/ como outro golpe dado contra a nada.” (Do poema Xunta o río, Profecía do mar, Bernardino Graña).

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 17/10/2018

Comparte esta noticia
Hai uns días soubemos que no Brasil –alá nas Quimbambas, a diferenza de Venezuela, aí ao lado– está a piques de gañar as eleccións un tipo encadrado na extrema dereita polos medios sistémicos, con absoluta naturalidade, para que a xente do común aprenda a non inmutarse diante dunha ideoloxía que, malia facernos vomitar o fel, inza como as acacias. En España, José María Aznar, outro paxaro de coidado, amais de quentarlle a orella ao tal Casado –si, ho, ese que apoiou Feijoo– reza en alto para que PP, C,s e Vox deixen de ser “uno y trino” para que volvan ser “uno y solo uno” e, se é coa chapa de Vox, mellor. E aquí, en Galicia, o noso presidente revira e manipula “A ultima leición do mestre”, sen pórse colorado. Isa é a cor do pano de fondo.
 
É ben certo que as doenzas que padecemos veñen do atrás e os virus mesmo aniñan nos miolos da xente propensa a agripar, pero a pandemia aínda ten cura, malia os calofríos que nos imbúen, mercé ás inclemencias atmosféricas, ou á contaminación ambiental, propias dun outono, no que os ciclóns, creados pola tos dos que teñen a tixola polo mango, fabrican as malditas tempestades que nos arrepían sen piedade, para forzarnos a renunciar ao pan e ao caldo que, histórica e lexitimamente, nos pertencen. 
 
Ah! O meu tío Lisardo non se cansa de insistir en que, para frear en seco a intemperie, tan adversa e perigosa, á que contribúen con especial teimosía Feijoo e os que van canda el, obsesionados en minguar a democracia, aniquilar as nosas sinais de identidade e fumigar a pouca dose de suxeito político que nos queda, é imprescindíbel que agrome unha relación de boa veciñanza galeguista, entre BNG, En Marea, CxG e galeguistas sen militancia partidaria para que, dende a unidade de acción, naza unha proposta electoral, con vocación de ser hexemónica nas institución, a fin de sanear a polución que nos engule a esencia e o futuro. Pero, claro, se os dirixentes desas forzas lle teñen pánico a un trato que, malia ser experimental é urxente e necesario, deberían ser as bases dos partidos e a xente do común quen requira aos xefes para que poñan os intereses do País –e a defensa dos valores democráticos– diante dos seus caprichos e intereses particulares. Vaque si? 

Traslado de Buenos Aires a Galicia de ‘A derradeira leición do mestre’
Traslado de Buenos Aires a Galicia de ‘A derradeira leición do mestre’ | Fonte: Xunta.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Secretario-interventor de Administración Local xubilado. Foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da FEGAMP (Fedreación Galega de Municipios e Provincias) e Delegado da Consellería de Industria de Ourense no goberno do bipartito. Militou no BNG e en CxG. Hoxe en día non ten afiliación política. Na actualidade dedícase á actividades culturais, especialmente a través do Museo da Limia, no que desempeña o posto de Coordinador do seu Padroado.