Gonzalo Caballero será o único aspirante ás primarias da Xunta

O secretario xeral poderá ser proclamado candidato á Presidencia o día 3 de novembro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2018 | Actualizada ás 19:41

Comparte esta noticia

O prazo para presentar candidaturas ás primarias que o PSdeG celebra para elixir o seu candidato á Presidencia da Xunta concluíu ás 19,00 horas co secretario xeral, Gonzalo Caballero, como único aspirante neste proceso interno.

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG. PSDEG
Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG. PSDEG | Fonte: Europa Press

Deste xeito, o profesor universitario vigués queda proclamado único precandidato. Agora, ábrese o prazo para que proceda a recoller os avais necesarios que, segundo o regulamento do PSOE, serán dun mínimo dun 2% dos militantes --194 apoios-- e dun máximo do dobre --388--.

Gonzalo Caballero terá até o día 29 de outubro para presentar os avais necesarios. A partir de aí, depois dun período de verificación, proclamación provisional e presentación de recursos, poderá ser proclamado candidato o sábado 3 de novembro sen necesidade de que os militantes voten, ao non haber outra persona que se postule para esta encomenda.

O líder dos socialistas galegos asegurou o luns que, con este paso, busca conseguir un PSdeG "potente e con proxecto" para arrebatar o control político en Galicia ao Partido Popular e a Alberto Núñez Feijóo, como el mesmo destacou o luns na presentación da súa candidatura.

PROCESO "CON NORMALIDADE"

Antes de pechar o prazo de candidaturas, preguntado respecto diso por Europa Press, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, limitouse a facer unha reflexión xeral sobre o proceso orgánico para subliñar que o seu desexo era que "se produza con normalidade e cordialidade".

"Hoxe saberemos se hai máis candidatos; se non os hai, o proceso acaba aquí. Se os hai, terá que haber unha disputa real", manifestou Leiceaga. Finalmente, ningún outro dirixente á marxe de Gonzalo Caballero, deu o paso adiante.

PRIMARIAS MUNICIPAIS

De forma paralela, os socialistas galegos continuarán con normalidade co calendario aprobado pola dirección do PSOE para a elección das cabezas de cartel ás eleccións municipais nos concellos de máis de 20.000 habitantes.

En concreto, as votacións terán lugar o próximo 18 de novembro. Ademais, no caso de que ningún dos aspirantes logre a metade dos votos, haberá segunda volta o día 25.

No caso dos municipios de máis de 20.000 habitantes, o prazo para concorrer ao proceso estará aberto do 22 ao 25 de outubro, xornada na que se abrirá o período de recollida e presentación de avais. A campaña interna será do 9 ao 17 de novembro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

¿ Non deberían declarar DESERTO o Concurso ? Esto máis que primarias é case unha AUTOPROCLAMACIÓN (o sobriño segue a senda do tío) ? ¿Que estará pensando Carmela Silva? Ah... esquecíame que era unha mandada !!!

1 Gamela

Pero cando recolla os avais que non esqueza dicirlle a seu tío que ten que RECIBIR aos pobres que están acampados ás portas do Concello dende hai un ano e 8 meses !!! Aínda que sexa só por unha cuestión de IMAXE (así polo menos os acampados poderán pasar o Nadal onde podan e onde lles pete!) https://www.flickr.com/groups/vigod...