Case 10.000 traballadores do sector de produtos elaborados do mar chamados á folga a partir do luns

Uns 9.500 traballadores do sector, o 80 por cento deles empregados en Galicia, foron convocados a unha folga como medida de presión polo bloqueo na negociación do convenio colectivo.

Por E.P. | VIGO | 17/10/2018 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

Os portavoces de UGT, CIG e CC.OO. confirmaron este mércores a convocatoria da folga, que comezará con paros de 24 horas os días 22, 24 e 25 de outubro. "Esperamos que a patronal nos chame, pero non parece que teña vontade. Se houbese acordo, suspenderiamos a folga pero, se non, non temos máis remedio que manter a nosa folla de ruta", sinalou a Europa Press o portavoz de CC.OO., Armando Iglesias.

Polígono de bateas
Polígono de bateas | Fonte: C.R. Mexillón de Galicia.

Os sindicatos incidiron en que este é un sector "precarizado" e maioritariamente feminino, xa que o 75 por cento dos empregados son mulleres. A iso súmase un importante volume de empregos a través de ETT, polo que se trata de cadros "moi difíciles de mobilizar".

As traballadoras non só reclaman subidas salariais até ter nóminas "dignas", senón recuperar dereitos perdidos tamén no ámbito social e de condicións laborais; limitar o número de empregos eventuais, que triplican aos fixos; ou prohibir a presenza de empresas multiservizo ou de cooperativas de falsos autónomos.

Os sindicatos propoñen, entre outras cuestións, unha subida salarial do 4,5% en 2018 (sen revisión), do 2,5% en 2019 e do 2,5% en 2020, con revisión acorde o IPC se a suma destes dous anos supera o 3%. O obxectivo é alcanzar o soldo de 14.000 euros ao ano

O convenio do sector está caducado desde 2010 e, aínda que hai ano e medio houbo un principio de acordo, este non foi ratificado en asemblea. Desde entón, a negociación está bloqueada porque "a patronal non acepta ningunha das propostas" dos axentes sociais, o que desembocou na convocatoria de folga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta