Facenda confirma que todas as axudas aos afectados da explosión de Tui quedan exentas de tributar ao IRPF

O Ministerio de Facenda confirmou que as axudas públicas percibidas polos veciños da parroquia de Paramos en Tui (Pontevedra), afectados pola explosión dun almacén pirotécnico ilegal o pasado mes de maio, quedan exentas de tributación ao IRPF.

Por E.P. | VIGO | 17/10/2018 | Actualizada ás 20:19

Comparte esta noticia

O Ministerio de Facenda confirmou que as axudas públicas percibidas polos veciños da parroquia de Paramos en Tui (Pontevedra), afectados pola explosión dun almacén pirotécnico ilegal o pasado mes de maio, quedan exentas de tributación ao IRPF. Así llo trasladou este mércores a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, ao colectivo de afectados, con quen mantivo un encontro en Tui. Na reunión informoulles dos criterios que aplicará o Ministerio sobre estas axudas.

Cascallos após a explosión de Tui en Paramos, que arrasou vivendas
Cascallos após a explosión de Tui en Paramos, que arrasou vivendas | Fonte: EP.

Nun informe, a Secretaría de Estado de Facenda sostén que, no caso dos veciños de Paramos, será de aplicación a disposición adicional quinta da lei que regula o IRPF, na que se establece que non se integrarán na base impoñible deste imposto as rendas que procedan da "percepción de axudas públicas que teñan por obxecto reparar a destrución por incendio, inundación ou afundimento de elementos patrimoniais".

Así, as axudas estatais reguladas no Real Decreto 307/2005 para situacións de emerxencia, as axudas do Concello de Tui ou as que implementou a Xunta a través do decreto 55/2018, "están exentas da súa tributación ao IRPF".

A subdelegada do Goberno valorou que, con esta medida, o Executivo "dá resposta ás demandas dos veciños e ás súas inquedanzas sobre o efecto que terían este tipo de axudas sobre a súa declaración da Renda". "Ademais, suporá que, aqueles que perciban algún tipo de prestación ou pensións que teñan como base o IRPF, non verán modificada a súa situación a pesar de ter percibido esas axudas para reparar a súa casa", engadiu Maica Larriba.

Por outra banda, Larriba lembrou que, no caso da vaga de lumes de outubro de 2017, aínda que se declarou a zona afectada por emerxencia un mes despois, "non foi até a chegada do novo goberno de Pedro Sánchez que se aprobaron máis de 1,4 millóns de euros para axudas aos afectados".

No caso de Tui, incidiu, as axudas "están en marcha tres meses despois, e as exencións fiscais tamén", e volveu pedir que tódalas administracións "remen unidas" en lugar de "adicarse a porse medallas e a pór deberes ao resto", en alusión á Xunta de Galicia (cuxo vicepresidente instaba o Goberno central hai uns días a axilizar os trámites sobre Tui).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta