Ourense, capital do automóbil

A fin de semana do 19 ao 21 de outubro celebrarase en Expourense o Salón do Vehículo Novo e do 26 ao 28 o de Ocasión.

Por X.M. Fernández | Ourense | 18/10/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Todos os concesionarios da provincia de Ourense pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, A.C.A.U.T.O., participarán como expositores no 10º Salón do Automóbil que se celebrará durante dúas fines de semana seguidas en Expourense. A fin de semana do 19 ó 21 de outubro terá lugar o Salón do Vehículo Novo, e dende o 26 ó 28 de outubro o do Vehículo de Ocasión. Trátase de dúas citas vinculadas cun dos sectores comerciais de maior peso na provincia de Ourense, o da automoción, e que está organizado de forma conxunta entre Expourense e A.C.A.U.T.O. En total, participarán 16 empresas representando a 22 marcas que presentarán 30 modelos novos, algúns deles poderán verse en exclusiva por primeira vez en España.

Presentación do 10º Salón do Automóbil. Fonte: Expourense
Presentación do 10º Salón do Automóbil. Fonte: Expourense

Na presentación deste 10º Salón do Automóbil estivo o alcalde de Ourense e vicepresidente executivo de Expourense, Jesús Vázquez; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente de ACAUTO, Ramón Seijas; o director da Zona Centro de Ourense de ABANCA, Enrique Romero; o secretario xeral de Cáritas Ourense, Francisco Javier Soto; o representante de Stop Accidentes, Benito Bouzada e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín. Todos eles coincidiron en indicar a magnífica oportunidade que representan estas citas (por calidade, cantidade, variedade e prezos especiais en feira) para aqueles que buscan un coche novo, ao mesmo tempo que permitirá a renovación do parque móbil da provincia de Ourense, que ten unha media de idade de 12 anos.

Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil novo ou de ocasión nestas citas, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de compra do vehículo adquirido.

Estas citas contan co apoio de ABANCA e a organización colabora con Cáritas Ourense e con “Stop Accidentes”. Ambas entidades asociativas contarán cun stand informativo nestas citas; no caso de Cáritas recibirán ao rematar o evento unha cantidade de euros fixa por cada vehículo vendido que será achegada entre Expourense e ACAUTO

O obxectivo destas citas é presentar no recinto feiral unha oferta completa e atractiva, que cubra todas as gamas e modelos de vehículos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos visitantes. Trátase dun público obxectivo e amplo que poderá consultar nun mesmo espazo e de forma axeitada toda a oferta existente no mercado ourensán, e comparar opcións antes de decidir a compra do seu vehículo.

O horario do 10º Salón do Automóbil será os venres 19 e 26 de outubro de 11.00 a 20.30 h.; os sábados 20 e 27 de outubro de 10.00 a 20.30 h., e os domingos 21 e 28 de outubro de 11.00 a 20.00 h. O prezo da entrada son 3 euros por cada salón (menores de ata 12 anos entrada gratuíta) e haberá servizo de ludoteca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta